Os restaurantes de Santiago ofrecerán creacións únicas de “sushi á galega”

Presentación do programa
Un total de 18 restaurantes compostelanos ofrecerán creacións únicas de cociña fusión entre Xapón e Galicia como a sopa de misho con polbo e wakame, o korokke de roxóns e o maki de xurelo dende este xoves e ata o próximo domingo, dentro do programa gastronómico da Semana de Xapón en Santiago.
A concelleira de Turismo do Concello santiagués, Reyes Leis, presentou este xoves en rolda de prensa a proposta, enmarcada nas relacións que mantén a Comunidade galega co país nipón, “cada vez máis importantes” e nas que asegura atopar “moitos puntos de unión”, entre outras cuestións, no gastronómico.
Leis enumerou a lista de establecementos que porán a disposición dos clientes estes pratos de cociña fusión, por prezos fixos de 2,5 e 5 euros. Trátase da casa da Viña, A Charca, Abastos 2.0, Acio, Adega de Santa Marta, Café de Altamira, Caldeirón, Casa Marcelo, Castelao, El Pasaje, Garum Bistró, La Casa de la Marquesa, Los Caracoles, O Celme do Caracol, O Ferro, Pedro Roca, Resas e Santiago Kyoto. “Esforzáronse muchísimo en fusionar non só a gastronomía senón a propia cultura”, destacou a concelleira.
O programa tamén inclúe, segundo explicou, unha xornada de degustación, este sábado 10 de maio, xunto á nova aula gastronómica do mercado de abastos. Nela participarán varios restaurantes adheridos á Semana de Xapón en Santiago que, entre as 11,00 e as 13,30 horas, ofrecerán as súas propostas aos mesmos prezos fixos.
ATA O DÍA 13
A Semana de Xapón na capital galega, que empeza co programa gastronómico e prolongarase ata o 13 de maio, prevé un amplo abano de actividades co obxectivo de que compostelanos e sector turístico poidan coñecer mellor a cultura xaponesa para así “poder ser aínda máis atractiva para o mercado nipón”, resalta Turismo de Santiago, que organiza o evento.
Os talleres que se celebrarán sobre diversas artes da cultura xaponesa xa case esgotaron prazas, segundo indica. Pero ademais, haberá concertos, exhibicións, unha actuación de monxes budistas e sacerdotes xintoístas da prefectura de Wakayama na Catedral e unha conferencia sobre a filosofía e espiritualidade do pobo xaponés.











