publicidade hoxe

Os queixos AVEGA selecionados para o catálogo de produtos ecolóxicos dun coñecido hipermercado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal Portada
A-
A+

Os queixos de AVEGA PRODUTOS ECOLÓXICOS aparecen no novo catálogo de productos ecolóxicos de El Corte Inglés. Seleccionados entre as máis de 1.000 referencias en produto ecolóxico coas que conta esta cadea de distribución, o queixo de AVEGA é o único queixo ecolóxico de vaca presente no catálogo.

O catálogo distribúese dende o pasado 24 de abril nos 54 supermercados que El Corte Inglés ten en toda España, e nos que se pode adquirir este queixo ecolóxico elaborado na queixería de AVEGA en Agolada.

Leite ecolóxico e galego

Dende 2005, AVEGA elabora os seus queixos con leite ecolóxico de vaca 100% de Galicia. As vacas das que ven o leite son alimentadas só de forraxe seco, pastoreo e o seu propio penso, elaborado con cereais ecolóxicos, libres de OMGs, transxénicos ou pesticidas. O proceso de elaboración é case artesanal e o resultado é un queixo que lembra ao sabor tradicional do queixo do país.

Actualmente en AVEGA producen queixo do país semicurado, curado e vello, comercializado en diversos tamaños, dende 450 gramos ata un especial para hostalaría de 3 quilos, ademais dunha variedade de queixo de barra. Todos eles coa certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

En 2013 AVEGA achegou ao mercado máis de 15.000 quilos de queixos, e neste 2014 agarda superar esa cifra. Ademais de en El Corte Inglés, os seus queixos pódense adquirir en múltiples tendas ecolóxicas e tradicionais.

Unha empresa consolidada

AVEGA é unha cooperativa que naceu cando un grupo de persoas decidiu converter a súa paixón pola ecoloxía na súa profesión, e así levan máis de 10 anos. Ademais da súa sede central en Agolada, conta con 4 granxas de pitas en Lugo, Ourense e Pontevedra adicadas á produción de ovos e 1 granxa adicada á produción de penso ecolóxico nas que traballan 10 persoas.

19 de maio de 2014 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.