Os presidentes da CEG e da CEP mantiveron un encontro co responsable do grupo ENCE

Reunión dos presidentes de CEG e CEP co responsable de ENCE
O presidente do Grupo Ence, Juan Luís Arregui, presentou os plans da empresa ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, nun encontro celebrado esta tarde en Vigo.
O máximo responsable da empresa expuxo os proxectos en marcha para consolidar o grupo como un dos primeiros do mundo en produción de celulosa de fibra curta, así como os previstos para desenvolver o seu modelo de enerxía con biomasa.
Alvariño reiterou o respaldo da Organización empresarial á consecución destes obxectivos “tendo en conta a importancia que ten a pasteira no tecido económico e social de Galicia, cuestión pola cal ha de recibir o apoio necesario por parte de todas as institucións e cidadáns que ven neste complexo industrial un enorme potencial de desenvolvemento futuro”.
A reunión, celebrada na sede a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), contou tamén coa presenza do seu titular, Luís Novoa.
Os portavoces empresariais coñeceron de primeira man as grandes posibilidades que pode ter a Comunidade Autónoma ante o inminente desenvolvemento en Europa da bioindustria.
Así mesmo, pasaron revista á conxuntura da factoría de Pontevedra, produtora de 420.000 toneladas de pasta de papel, destinadas na súa maior porcentaxe (96%), á exportación.
A fábrica é a única gran instalación industrial de Galicia que produce practicamente tanta enerxía renovable como a que consome.











