Os meniños de Brión realizan unha saída á froitería “M. Blanco”

Visita dos meniños á froitería
Unha trintena de nenos e nenas da gardería municipal de Brión, de idades comprendidas entre o 1 e os 2 anos, fixeron esta mañá unha saída ata unha froitería na parroquia dos Ánxeles para coñecer e probar os distintos tipos de froita. Os pequenos saíron en grupos de quince pequenos acompañados polas súas coidadoras e baixo a vixianza da Policía Local de Brión (xa que tiñan que cruzar a estrada Santiago-Noia).
A propietaria do establecemento “M. Blanco” tiña preparadas varias froitas para que os pequenos coñecesen o seu aspecto, puideran tocalas e mesmo probalas, para o cal tiña preparadas varias pezas listas para comer. Así, os pequenos puideron sorprenderse ao ver o diferentes que poden chegar a ser froitas como a piña, cuxo aspecto exterior nada ten que ver coa froita que se degusta.











