Os maiores de Guitiriz perden medo ás novas tecnoloxías cos cursos do InLugo
A Deputación continúa coa programación gratuíta de cursos do In Lugo, o 1º centro de innovación social de Galicia, posto en marcha polo organismo provincial con fondos europeos do programa tecnolóxico Innova-TE. Nesta ocasión, son 15 maiores do Concello de Guitiriz os que participan dende hoxe nas accións formativas Aprende a utilizar eficazmente os buscadores, que se celebra na Escola Ventrisca, en Buriz, entre as 9:00 e as 14:00 horas,e Aprende a comunicarte por e-mail: o correo electrónico, entre as 16:00 e as 21:00 horas, na Escola do Pobo de Becín.
Estes cursos, organizados no marco da programación itinerante do In Lugo, están orientados a mellorar a calidade de vida e o aprendizaxe dos maiores. O seu obxectivo é promocionar a autonomía persoal dos maiores da provincia, así como previr o deterioro cognitivo grazas ó emprego das novas tecnoloxías. A Fundación TIC encárgase da súa realización, no marco da actuación “Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia” do Innova-TE, o programa tecnolóxico da Deputación, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
O curso Aprende a utilizar eficazmente os buscadores é unha acción formativa coa que os participantes aprenderán a sacar o máximo partido á rede por si mesmos e ser capaces de atopar información útil para o día a día ou satisfacer a súa curiosidade.
Con Aprende a comunicarte por e-mail: o correo electrónico permitirá ós maiores a familiarizarse con esta interesante ferramenta, que lles facilitará estar en contacto cos seus familiares e achegados, ou ben acceder a outras utilidades de Internet que precisan dunha conta de correo electrónico por parte do seu usuario.