Os facultativos do Hospital Nicolás Peña de Vigo denuncian discriminación por parte do Chuvi aos seus médicos e pacientes

Denuncia dos facultativos do Hospital Nicolás Peña de Vigo
O colectivo de facultativos da unidade de medicina interna do Hospital Nicolás Peña, de Vigo, denunciou que tanto o centro hospitalario como os seus médicos e pacientes están a sufrir discriminación e falta de equidade por parte da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo.
Nunha rolda de prensa, as representantes dos médicos Eloisa Arnillas e María Méndez, e membros da comisión de centro, trasladaron que o Nicolás Peña está a recibir “un trato discriminatorio” respecto ao resto de unidades e facultativos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) -constituído por este hospital, o Xeral-Cíes e o Meixoeiro-.
Segundo manifestaron, ata o momento non puideron falar sobre estes problemas co equipo directivo da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo, aos que tamén fixeron chegar senllas cartas en novembro de 2011 e decembro de 2013, ambas as dúas aínda sen responder “nin de forma formal nin informal”.
“Ante tanto desleixo queremos que cambien as cousas para nós e para os pacientes”, remarcou Méndez, que pediu a mesma consideración que o resto de médicos de unidade interna. Así, denunciou que os facultativos do Nicolás Peña están a sufrir falta de equidade e ven as súas condicións laborais minguadas, o que repercute no “empeoramento da calidade asistencial e da sanidade pública”.
Por iso, os facultativos esixiron que se faga unha reestruturación “igual que se fixo noutros servizos”, de forma que todas as camas de medicina interna sexan unificadas no Hospital Xeral e no Meixoeiro. “Sería bo para os pacientes e os facultativos”, aseguraron.
Sobre o futuro que lle espera ao Nicolás Peña cando se produza a apertura do novo hospital -o que cren que non se producirá de forma efectiva polo menos ata 2016-, as doutoras sinalaron que está previsto que a unidade de medicina interna sexa trasladada ao Meixoeiro, e que o centro de Camelias acolla coidados paliativos e aos enfermos que actualmente se atopan no Hospital do Rebullón.
NIN MEDIOS NIN ESPECIALISTAS
Entre os motivos que fundamentan estas queixas, os profesionais do hospital remarcaron que non teñen medios – por exemplo, para facer un TAC- nin médicos especialistas que atendan a pacientes con patoloxías concretas, como incidencias oftalmolóxicas.
Tal e como explican, nos outros dous hospitais do Chuvi tamén están integrados os servizos, pero os especialistas desprázanse entre os centros, algo que non fan cara ao Nicolás Peña. “Os Nosos pacientes son moi maiores, con pluripatoloxías -varias patoloxías-, que non poden trasladarse nin ser abandonado ou se entender como secundarios”, recriminaron.
Neste mesmo sentido, sinalaron que tamén hai un “empobrecemento” na calidade asistencial derivado desta falta de contacto cos outros profesionais, entre os que se inclúen especialistas e cirurxiáns.
Así mesmo, criticaron que non se lles permite facer un seguimento dos seus pacientes cando se lles dá a alta porque o hospital, situado na avenida de Camelias, non dispón de consultas externas, obrigando a derivarlles outros profesionais.
Da mesma forma, aseveran que hai falta de persoal para cubrir as gardas. Así, aínda que na unidade de medicina interna hai 82 camas – 14 delas de paliativos -, que en horario normal son atendidas por oito internistas, nas gardas só queda un médico, que ten que atender a todos os pacientes e as posibles urxencias que poidan presentarse.











