Os edís de Santiago procesados son recibidos con berros de “corruptos” á entrada aos xulgados

Os sete edís composteláns no banco dos acusados
Os sete edís de Santiago de Compostela procesados por aprobar en xunta de goberno pagar a defensa ao concelleiro Adrián Varela, imputado na ‘Operación Pokémon’, chegaron á primeira hora deste luns aos xulgados de Fontiñas para sentar no banco dos acusados.
Á súa chegada, foron recibidos con berros de “corruptos” e vivíronse momentos de tensión entre as persoas que acudiran a increpalos e un grupo de familiares que estaban alí para mostrar o seu apoio.
O primeiro en chegar aos xulgados foi o concelleiro de Vías e Obras de Santiago, Juan de la Fuente, que asegurou, en breves declaracións aos medios, estar “tranquilo” e “confiando na xustiza”. Posteriormente chegou ao edificio de Fontiñas o concelleiro de Seguridade Cidadá, Luís García Bello, acompañado por un grupo de amigos e familiares que protagonizaron un momento de tensión coas persoas alí congregadas que increpaban ao edil a berros de “chupóns” e “corruptos”.
Por separado tamén chegaron ao edificio xudicial María Castelao, concelleira de Educación; Amelia González, responsable de Persoal, e Francisco Noya, edil de Festas. Todos foron recibidos a berros de “corruptos”.
Entre unha gran presenza policial e acompañados de simpatizantes, pouco antes das 10.00 horas chegaron aos xulgados o rexedor de Santiago, Ángel Currás, e a tenente de alcalde, Reyes Leis. Aínda que non quixeron facer declaracións á entrada do edificio, o rexedor xa manifestara en anteriores días a súa intención de acudir este luns a Fontiñas para prestar o seu apoio aos edís imputados, algo que fixo tamén a edil Leis -non procesada na causa-.
As últimas en acceder ao xulgado foron a concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, e a portavoz municipal, María Pardo, que chegaron xuntas para sentar no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 1 de Santiago. Á súa entrada, con actitude relaxada, María Pardo respondeu ás preguntas dos medios indicando, brevemente, que se atopaba “tranquila non, cabreada”.
AFLUENCIA DE MEDIOS
Os sete edís procesados -Amelia González, Juan de la Fuente, Cecilia Sierra, María Pardo, María Castelao, Francisco Noya e Luís Bello- comparecerán ante o titular do Xulgado do Penal número 1 de Santiago en calidade de imputados por prevaricación. Aínda que nun principio o xuízo ía celebrarse noutra sala, de menor tamaño, o xulgado decidiu trasladala á sala de vistas número 5 de Santiago, a de maior tamaño, pola afluencia de medios que solicitaron asistir ao xuízo.
Ademais dos sete procesados, este luns están citados unha testemuña por parte do fiscal e seis testemuñas que achega a defensa. O xuízo comezou ás 10,45 horas.
CONCENTRACIÓNS NA PORTA
Na porta dos xulgados concentráronse desde primeira hora deste luns membros do BNG local e da Candidatura do Povo, que portaron pancartas nas que se pedían a “dimisión dos corruptos” no Concello de Santiago e a “disolución” do goberno local.
Os integrantes do BNG ían vestidos con elementos de limpeza para “limpar” a “corrupción” do consistorio, mentres que entre os manifestantes da Candidatura do Povo varias persoas acudiran disfrazadas de Pikachu -en referencia á implicación dalgúns dos concelleiros na ‘Operación Pokémon’-.
Á entrada de cada un dos membros do goberno local producíronse escenas de tensión entre os berros de “corruptos” e “dimisión” dos concentrados e os aplausos de familiares e amigos que acudiran a apoiar aos procesados. Unha ampla presenza policial impediu aos manifestantes, que perseguiron aos edís, achegarse ás portas dos xulgados.
En declaracións aos medios, a deputada do BNG Ana Pontón esixiu “limpeza” na política, á vez que denunciou “a situación totalmente vergoñosa e indecente” do consistorio compostelán.
RESPONSABILIDADES
Así mesmo, lembrou, nesta situación, “non só ten responsabilidades o PP de Santiago”, senón que, “en última instancia”, o “máximo responsable” é o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que “dixo en sede parlamentaria que si estes imputados chegaban a ser procesados, dimitirían”. “Pero sabemos canto vale a palabra do señor Feijóo”, apuntou Pontón.
Pola súa banda, os integrantes da Candidatura do Povo, tamén concentrados ante os xulgados, expresaron o seu desexo de mostrar a súa “indignación” pola situación que vive o Concello de Santiago por mor dos “políticos corruptos que están a machucar” aos cidadáns. Neste sentido, apostaron por “sinalar aos culpables” para esixir “responsabilidades”.











