Os concellos da Coruña e Arteixo ultiman un convenio coa Xunta para que o autobús urbano chegue a Meicende

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaArteixoLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da directora xeral de Mobilidade, Camino Triguero, mantivo hoxe unha reunión coa concelleira de Mobilidade, Begoña Freire; e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, co fin de perfilar os detalles do convenio que posibilitará dar servizo aos veciños de Meicende, para o que é preciso que autobús urbano da Coruña poida parar no municipio de Arteixo.

A predisposición das tres administracións a colaborar neste proxecto permitirá desbloquear e dar saída a unha demanda histórica dos habitantes de Arteixo, que levan máis de 20 anos reclamando que o bus urbano pare en Meicende. Deste xeito, o Goberno galego e os concellos da Coruña e Arteixo exemplifican a súa aposta por cooperar e sumar esforzos para solucionar problemas comúns dos cidadáns.

Traballos en común

O traballo en sintonía da Xunta de Galicia e os municipios coruñeses significan un importante avance, posto que elimina trabas administrativas co que se pode dar solución a unha problemática enquistada durante máis de dúas décadas e sobre o que ninguén se interesara en buscar alternativas.

Neste momento, xa se introduciu unha disposición adicional na Lei de Racionalización Administrativa da Xunta de Galicia, que habilita e permite que os concellos poidan buscar unha solución mediante a firma dun acordo.

Este novo paso supón que os veciños de Arteixo que se desprazan diariamente á cidade da Coruña terán unha mellor e maior cobertura de transporte público para moverse dende e ata Meicende, unha mellor conexión coa Coruña, e optar por deixar o seu vehículo privado en casa, o que beneficia a todos os cidadáns e resposta a un dos requisitos fundamentais do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) da Coruña.

23 de maio de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.