Os concellos da Coruña coñecen as axudas para a promoción da Igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, informaron esta mañá aos representantes municipais dos 93 concellos da provincia da nova convocatoria de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade. A este programa, o Goberno galego destina 3,4 millóns de euros, cofinanciados nun 80 por cento polo Fondo Social Europeo.

A resolución que se ven de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia destinadas a facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes, mediante a realización de actuacións dirixidas a favorecer a igualdade de oportunidades e de trato, á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, á participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural e á erradicación da violencia de xénero.

No ano 2013, na provincia da Coruña, un total de 80 concellos beneficiáronse destas axudas cun importe total de 1,25 millóns de euros. Estes fondos distribuíronse en 55 programas para a promoción da igualdade, aos que se destinaron máis de 165.000 euros; 24 programas para o fomento da conciliación, con algo máis de 140.000 euros; e para o apoio aos Centros de Información á Muller (CIM), que recibiron unha achega total de 945.432 euros.

Valoraranse os proxectos de xestión compartida

Ao igual que o ano pasado, e coa finalidade de lograr unha xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, impulsaranse os proxectos de xestión compartida, polo que se priorizarán as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, que recibirán ata 40 puntos por este feito. Os concellos que se agrupen ou asocien deberán presentar un convenio de colaboración relativo a esta agrupación ou asociación. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, as bases reguladoras contemplan a concesión de anticipos de ata o 80 por cento das axudas concedidas, contribuíndo a que as entidades locais dispoñan dos recursos cando realmente os precisan, máxime neste momento conxuntural no que se atopan nunha situación financeira delicada e reciben maior demanda de servizos.

A convocatoria engloba tres programas concretos de colaboración coas entidades locais: a promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero; o fomento da conciliación; e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM).

A primeira destas liñas subvencionables está destinada a medidas como a elaboración e avaliación de plans de Igualdade, accións de capacitación do persoal municipal ou a realización de actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil. Ademais, tamén se contemplarán accións de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. A contía máxima que pode recibir unha entidade local nesta liña de axudas é de 10.000 euros no caso de solicitude individual e ata 20.000 euros se é unha solicitude conxunta.

O segundo programa, o destinado ao fomento da conciliación, subvenciona todas aquelas medidas, accións ou programas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste segundo programa, a contía máxima será de 12.000 euros para as solicitudes individuais e ata 20.000 euros nas conxuntas.

Por último, o programa dedicado aos CIM, ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. A contía máxima por este programa é de 45.000 euros, se é de xeito individual, e ata 100.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.

8 de maio de 2014 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.