publicidade hoxe

Os cociñeiros do Grupo Nove visitarán a Denominación de Orixe Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterreiOurenseVerín
A-
A+

Este fin de semana Monterrei ten un encontro coa gastronomía, grazas á visita dos cociñeiros de Grupo Nove que compartirán cos adegueiros e produtores da comarca unha xornada de reforzo dos lazos do sector cos máximos representantes da alta cociña en Galicia.

Vinte e un cociñeiros integran este prestixioso grupo, que reúne oito das once estrelas Michelin concedidas aos restaurantes galegos no ano 2013.

Moitos deles protagonistas habituais da selecta lista Michelin, embaixadores e defensores do produto galego no mundo, dinámicos e mediáticos, así son os integrantes do Grupo Nove, abandeirados da cociña galega que estes días visitarán a nosa comarca, por mor da invitación cursada pola Denominación de Orixe Monterrei.

A recepción dos cociñeiros producirase o domingo pola tarde. Será entón cando os viños de Monterrei e os principais produtores da comarca brinden a súa particular benvida ao grupo, ofrecendo unha selección dos seus “produtos gourmet” como carta de presentación dunha terra rica en recursos naturais e onde comeza a adquirir unha maior dimensión a forza empresarial.

A casa rural O Retiro do Conde (Vilaza) acollerá esta primeira cita e aloxará ao grupo. Alí os viños de Monterrei presentaranse en alianza co produto local. A práctica totalidade das adegas de Monterrei participan nunha proposta na que os invitados poderán coñecer en profundidade os viños da nosa denominación, á vez que gozan dun coidado menú no que colaboraron a cooperativa gandeira Verín Biocoop, que imprime nesta minuta o selo das súas razas de tenreira autóctonas nun modelo de produción ecolóxica, a asociación para o desenvolvemento rural sustentable O Grelo Verde, achegando hortalizas de produción ecolóxica, as conservas chegan a este menú de mans de Terra do Baronceli, e os embutidos “de outrora” grazas á achega de Secreto Galaico.

Xa o luns, tras esta primeira toma de contacto dos cociñeiros coa comarca de Monterrei, o presidente do Grupo Nove, Miguel Anxo Campos, e o anfitrión, o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe, Antonio Anxo Méndez Atanes, recibirán aos cociñeiros, os adegueiros da denominación e a todos os colaboradores nunha comida de confraternización en Adegas Gargalo.

16 de maio de 2014 | 12:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.