Os clientes de Santiago centro escollen Cosmopet como o seu favorito en ‘Máis que comercio!’
A clínica e tenda veterinaria Vetersalud Cosmopet, situada na rúa Rosalía de Castro, foi elixida o establecemento favorito polos participantes na iniciativa Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de abril nos establecementos asociados ao centro comercial aberto Santiago Centro.
Este negocio, con preto de dúas décadas de traxectoria, foi o que máis clics recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían ao seu establecemento preferido, chegando a rexistrarse ao longo do mes no espazo de Santiago Centro preto de 6.000 xogadas.
No acto no que se entregaron tanto o diploma ao establecemento máis votado como os agasallos conseguidos polos clientes participaron a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada da Xunta, Belén do Campo. Vázquez Abeal salientou que, ademais de poñer en valor o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio! ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade. A iniciativa está a percorrer Galicia ao longo deste 2014, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos de diferentes localidades galegas.