Os cativos serán os protagonistas da xornada do sábado na XVIII Festa da Troita
A XVIII Festa da Troita xa está en marcha co desafío de superar os 25.000 visitantes nestes próximos tres días: 9, 10 e 11 de maio. Para iso conta cun atractivo programa de actividades que comezou esta tarde coa apertura do Mercado Medieval, no que participan unha vintena de artesáns e ao que tamén se sumaron a última hora unhas palilleiras de Camariñas.
Os artesáns estarán durante os tres días traballando en vivo diante dos milleiros de persoas que visiten Sigüeiro, interactuando cos visitantes e ofrecendo os seus produtos de talla de madeira, de cantería, de pintura, de coiro, de cestería… Ademais este ano haberá por primeira vez actividades paralelas como pasacalles con zancos (11:30 e 17.30 horas), pompas de xabón xigantes (12:30 e 18:30 horas), maxia para nenos/as (13.30 horas), pasacalles con malabares (20:00 horas) e un grande espectáculo de lume ás 22:00 horas, xusto despois do peche do mercado.
Os nenos, protagonistas
Ademais das actividades programadas no Mercado Medieval, o programa da Troita deste sábado centrarase especialmente nos máis pequenos. Así, a praza Isaac Díaz Pardo acolerá uns obradoiros infantís da Troita entre as 11:30 e as 13:00 horas, de participación totalmente libre e de balde. E pola tarde, a programación infantil comezará ás 18:00 horas coa actuación do Circo de Clown e o espectáculo “O autoestopista intergaláctico”. Ás 19:00 horas comezará un pasacalles a cargo da Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre, que actuarán ás 19:30 canda os rapaces do Club Deportivo Alecrín, que farán unha exhibición de hip-hop e de bailes de salón. A asociación cultural Néboas no Cumio (Sigüeiro) pechará a programación cunha actuación musical.
Pola noite, o Festival Oroso en Vivo acollerá as actuacións da Orquestra Panorama e do grupo Metrópolis. Será a partir das 22:30 horas, na Alameda de Gois.
Campionato de pesca
Mañá sábado tamén terá lugar o XVIII Campionato de Pesca, no que participarán unha vintena de pescadores en dúas quendas (9:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas), que foron sorteadas esta mesma tarde. Por terceiro ano consecutivo, o campionato desenvolverase baixo as normas da Federación Galega de Pesca, o que suporá que se realizará baixo a modalidade de pesca sen morte. Deste xeito ampliouse en 4 horas as quendas de pesca e conseguiuse unha mellora loxística importante na Festa: ao celebrarse o campionato en sábado e a entrega dos premios o domingo, dende entón xa non hai que lamentar atrasos no pregón por mor da pesaxe dos exemplares.
As bases do campionato especifican que o pescador só poderá ter unha cana en acción de pesca e que, para a extracción da captura para a súa posterior presentación ao control, deberá facer uso dunha sacadeira ou trueiro para logo devolver a peza ao río. Só serán válidas as pezas de 17 ou máis centímetros de lonxitude. Como cebos só se permitirán culleriñas (xiratorias ou ondulantes simples en calquera das súas variantes. Cun só anzol pero sen plumas, pelos, la, etc) e un máximo de tres moscas artificiais co uso da boia ou buldó (fitos na sedela o baixo de liña). Os anzois, tanto das moscas como das culleriñas, deberán estar desprovistos do arponciño ou semellante.
Domingo
O domingo 11 de maio comezará cunha das novidades desta edición: a I Quedada BTT da Troita, ruta “das Lobeiras”, organizada polo club ciclista Tambre-Bike e que tivo que pechar as inscricións antes do previsto ao acadar o máximo de participantes: 250 ciclistas. O percorrido será de 41 kms, cunha dificultade técnica e física media a través de paraxes espectaculares de ata cinco municipios da contorna como a antiga vía do tren para cruzar o río Tambre ou as ribeiras do río Lengüelle.
Tras o pasacalles da Charanga NBA e do home orquestra Ce Orquestra Pantasma, a partir das 11:30 horas terá lugar a tradicional concentración de coches clásicos e antigos nos arredores da praza Isaac Díaz Pardo. Ás 12:00 horas, o pasacalles correrá a cargo da asociación folclórica Buxos Verdes (da parroquia de Senra), que marcará o pistoletazo de saída á degustación de troitas tanto na Alameda de Góis como nos 38 establecementos hostaleiros participantes.
Ás 13:30 horas terá lugar a entrega de premios e trofeos do XVIII Campionato de Pesca, presentado por Josito Porto, e a lectura do pregón a cargo de José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo. A orquestra Galilea encargarase da sesión vermú e fará dóbrete ás 20:00 horas na verbena nocturna. O xantar popular terá lugar na carpa da Alameda de Góis (14:30 horas), onde volverá actuar a Charanga NBA.











