Os Camiños do Trega será o próximo destino dos participantes en Sendeiros Rías Baixas
O vindeiro domingo 1 de xuño terá lugar a segunda das andainas incluídas no programa de Sendeiros Rías Baixas, que levará os camiñantes a coñecer unha das paraxes máis atractivas da provincia, como é o Trega e o seu contorno.
A actividade dará comezo ás 10,00 horas no Mirador de Areses, onde os camiñantes recibirán información sobre a ruta, así como consellos para que a andaina resulte o máis doada e divertida. Desde este punto, e na compaña de guías especializados, iniciarase un percorrido a través de pequenos carreiros que ascenden polas ladeiras do Monte ata a Ermida de Santa Trega, onde se poderá disfrutar non só visitar o seu afamado castro, a Pedra Furada e todo o contorno, senón de espectaculares panorámicas.
Inscrición
Os interesados en participar nesta andaina están aínda a tempo de inscribirse, e poderán facelo a través da web da Deputación de Pontevedra.
Na dirección http://www.depo.es/web/edepo/sendeiros-rias-baixas/a-guarda atoparán un formulario de solicitude que poderán cumprimentar directamente no seu ordenador e enviar tamén vía internet.
Combinar deporte e turismo
Coa organización destas rutas, a Deputación de Pontevedra pretende promover hábitos de vida saudable e contribuír á difusión e posta en valor dos recursos naturais, arqueolóxicos, etnográficos e arquitectónicos da provincia.
Así, á ruta do Tegra que terá lugar este domingo e á que xa se realizou en Cangas, sumaranse nos vindeiros meses a de Adro Vello-Con Negro en O Grove, o 14 de setembro; a Ruta da Auga, as fontes e os lavadoiros de Parada, en Silleda, o 12 de outubro; e das Pontes do Lérez, en Forcarei, o 1 de novembro.
Exceptuando a ruta de Forcarei, que ten unha lonxitude de case 14 quilómetros, as demais sitúanse todas no contorno dos 7 quilómetros e son de dificultade baixa ou media, co obxectivo de facilitar a participación non só das persoas xa acostumadas á práctica do sendeirismo senón a de todas aquelas ás que lle guste camiñar e gozar da natureza.











