Os cambios na Lei de Dependencia reducirán os usuarios do servizo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Benestar Social Municipal acaba de incorporar un traballador social á súa plantilla, por un prazo de catro meses, para valorar todos os expedientes da Lei de Dependencia tramitados no Concello de Pontevedra. Son 144 expedientes. Esta contratación extraordinaria por parte do Concello débese á recente reforma da Lei de Dependencia que modificou os criterios de valoración dos casos suxeitos á Lei de Dependencia, é dicir, modificou os sitema de valoración das persoas que solicitan o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tanto o que oferta directamente o Concello (SAF municipal) como o cofinanciado polo Estado (SAF da Lei de Dependencia).

O cambio normativo implica que o elemento de valoración é todo o núcleo familiar no que se atopa o solicitante do servizo, e non só o dependente de xeito individual. Este cambio, aparententemente inocente, non o é tal dado que agora os usuarios do SAF terán que pagar máis por este servizo cofinanciado.

Sen dúbida supón un grande perxuizo para todos os usuarios do SAF que son, na grande maioría, grandes dependentes que recurren a este servizo como única posibilidade de manter certa normalidade nas súas “complicadas” vidas diarias. O Concello estima que o incremento das tarifas que terán que abonar os usuarios suporá unha baixa importante nas solicitudes, dado que as persoas que recurren ao SAF non soen ser perceptores de grandes prestacións sociais (as súas pensións soen ser moi cativas, para o grao de dependencia que teñen), e un incremento das tarifas poderá supor que moitos se dean de baixa no servizo ao non poder asumir o pago da súa parte.

Por outra banda, esta modificación legal “innecesaria” a ollos do servizo que xestiona Carmen Fouces “salvo para ir segando día a día os Servizos Sociais, para deixalos á merced da beneficiencia”, obriga ao Concello a incrementar máis os esforzos na xestión da Lei de Dependencia – competencia exclusiva do Estado- con esta nova contratación.

8 de maio de 2014 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.