Os Bolechas presentan en Ribadumia o seu novo espectáculo “Os Bolechas e o Sabichón”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRibadumia
A-
A+

Os Bolechas e o Sabichón presentan no Auditorio Municipal de Ribadumia este sábado 10 de maio as 19:00 horas a súa nova proposta lúdica e didáctica, para fomentar a lingua galega nos máis cativos, así como o coñecemento en xeral. Trátase da actividade “Os Bolechas e O Sabichó”, unha iniciativa que forma parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) no marco do programa FalaRedes 2014 da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Pensada para nenos de 3 a 9 anos e para as súas familias, a actividade está ideada a modo de concurso cun miniteatro que abre e pecha cada sesión. Os Bolechas preséntanse en forma de monicreques manipulados por actores á vista, modalidade novidosa en Galicia utilizada tamén este Nadal no espectáculo Os Bolechas cantan con Lady Vina, e a temática xirará tamén arredor dun concurso no que participan Os Bolechas e que acabará como adoitan rematar as aventuras destes irmáns.

O contrapunto pora O Sabichon, o presentador do concurso, unha personaxe un pouco prepotente e, como o seu nome indica, moi “listiño”, que estará tamén na parte central da actividade, o propio concurso no que participarán as nenas e nenos presentes no auditorio.

Para participar formaranse dous equipos, cada un liderado por un Bolecha, que terán que enfrontarse a unha serie de preguntas e probas moi divertidas para demostraren coñecementos e habilidades.

Os Bolechas son desde fai 14 anos a revelación editorial en Galicia e son, á súa vez, os protagonistas da máis importante e afamada serie da nosa literatura infantil. Con máis de 400 títulos publicados e preto de 1.500.000 exemplares distribuídos, causan furor e contan cunha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos.

O salto do papel á televisión hai case dous anos converteunos nun auténtico fenómeno cultural galego, un éxito que o seu creador, Pepe Carreiro, atribúe á proximidade dos personaxes e as historias achegadas á realidade cotiá das nenas e nenos galegos: a escola, a casa, o parque… Esta proximidade, a súa linguaxe e a súa forma de expresarse fan que os nenos se sintan cómplices e co-protagonistas das súas aventuras.

Pero ademais, Os Bolechas son cultura raíz e contribúen á divulgación e á formación, mediante o pracer e o divertimento, e todo iso desde Galicia e en galego, polo que están a xogar un destacado papel na promoción e difusión do idioma, ao que moitos pequenos se achegan por vez primeira grazas a estes seis irmáns.

Asemade, Os Bolechas teñen outra serie de variantes: animacións de rúa, espectáculos en teatros, mercadotecnia, materiais didácticos e mesmo unha colección de xoias, que contan co distintivo de Galicia Calidade. E todo cunha gran aceptación por parte do público.

8 de maio de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.