Os ‘Arquetipos’ de Elssa chegan á Sala de Exposicións de Verín
Baixo o título ‘Arquetipos’, a pintora ourensá Elssa mostrará una colección de obras na Sala de Exposicións de Verín desde o sábado día 10 de maio ao 14 de xuño.
A súa obra proxecta un rico universo interior, que se transmite nunha vasta paleta tonal, a través dunha temática figurativa na que a natureza humana -aínda cando está ausente- é protagonista, e nun estilo que é testemuño da súa busca constante de instrumentos expresivos.
Elssa gañou o Concurso de Pintura Rápida das festas do Corpus de Ourense nos anos 2001 e 2003. Desde o ano 1999, leva participado nunha ducia de exposicións individuais e nunha vintena de colectivas, en vilas e cidades das provincias de Ourense, Pontevedra, Lugo, Zamora e Madrid. O Ateneo Santa Cecilia de Marín e a Sala Nauta de Sanxenxo acollerán as súas próximas exposicións.
A necesidade de ferramentas comunicativas levou a Elssa, entre o anos 1995 e 2003, a facer múltiples actividades formativas. Por iso, seguiu un curso de acuarela na Universidade Popular (Artes e Oficios) de Vigo, estudou un par de anos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e outros tantos na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense (ilustración), asistiu a un Curso de Arte Contemporánea organizado polo departamento de Historia da Arte da Universidade de Vigo, estudou deseño asistido por ordenador e fotografía, e foi alumna en obradoiros particulares de artistas de Vigo e Ourense. Despois de impartir clases de pintura na Casa das Artes, a constante inquietude por dotarse de instrumentos expresivos levárona, de novo no 2010, á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde fixo un curso de Arte-terapia; e a participar, o ano seguinte, nas actividades do Taller de Expresión Corporal-Danza do Grupo Arco Iris.
Elssa formou parte de diversos colectivos artísticos, como a Asociación Galega de Artistas Plásticos ou a Asociación Quanto de Artistas Ourensáns, actualmente é membro da asociación artística viguesa Alterarte.











