Os alumnos do colexio Nicolás del Río participaron nunha sesión de contacontos na Biblioteca de Cedeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

Nenos e nenas de cinco anos do colexio público Nicolás del Río de Cedeira participaron esta mañá na Biblioteca Municipal López Cortón da vila nunha divertida sesión de contacontos a cargo da compañía Elefante Elegante. Sesión que se incluiu no programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia e que levaba por título “O Aviador”. Os escolares disfrutaron da historia do encontro entre un aviador e un moucho a través dunha narración oral que se acompañou da manipulación de obxectos, as sombras chinesas, as marionetas de luva, a música, a xestualidade e a plasticidade do dispositivo escénico.

A seguinte sesión do ciclo celebraráse o 26 deste mes e á mesma hora, coa asistencia de nenos e nenas de entre cero e tres anos da Escola Municipal Infantil. Poderán disfrutar de “Os contos do chupete”, de Migallas Teatro. Trátase dunha sesión de contos para bebés na que se integran música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral. Os cativos poderán chuchar contos, canción e arrolos ata encher a barriguiña nesta proposta para bebés.

E, rematando o ciclo, o 12 de xuño, a Biblioteca acollerá o contacontos “Érase unha vez uns zapatos…” da narradora Fátima Fernández. Planteará unha serie de preguntas aos alumnos novamente do colexio Nicolás del Río como “Que sería do gato con botas sen as botas?” “de Cinsenta sen o zapato de cristal?” “se os trasnos non lle fixesen zapatos ao zapateiro? En definitiva, “sería posible o mundo dos contos que todos coñecemos se non houbese zapatos?”.

14 de maio de 2014 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.