Os alumnos de 4º de primaria do Colexio Manuel Padín Truiteiro visitan o Concello de Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Visita de escolares ao Concello de Soutomaior

Visita de escolares ao Concello de Soutomaior

O Alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, recibiu esta mañá a visita de 40 alumnos de 4º de Primaria do Colexio M. Padín Truiteiro na Casa do Concello. Nunha amena e divertida charla no salón de plenos do Concello, os pequenos formularon as súas preguntas o rexedor local e recibiron de mans do mesmo un pequeno obsequio de material escolar. O tradicional encontro finalizou cun breve percorrido polas oficinas municipais onde os alumnos puideron comprobar de primeira man o funcionamento da Casa Consistorial e observar o traballo que nela se realiza a diario.

Sentados nas butacas que os edís ocupan nos plenos, os pequenos tiveron a oportunidade de transmitir ao Alcalde as súas preguntas e desexos. Durante máis dunha hora, Agustín Reguera correspondeu ao bo humor dos alumnos que expresaron preguntas tan divertidas como, Gustaríalle volver ser neno para volver á escola, cal é o seu equipo favorito ou si poderíase construír un parque acuático en Arcade? Do mesmo xeito, tamén realizaron preguntas realmente interesantes, do estilo de É máis difícil ser alcalde agora ou cando empezou ou que podemos facer para mellorar o medio ambiente?

Antes de expor as súas peticións e inquietudes, os alumnos escoitaron atentamente unha pequena explicación sobre algúns dos aspectos que están a tratar nas súas aulas como a función e creación do padrón municipal, o proceso de elección dos cargos públicos ou como se xestionan os servizos do Concello. Unha exposición da que tomaron boa nota, xa que esta visita supón un complemento práctico ás clases teóricas que están a recibir no colexio sobre a utilidade e o funcionamento das institucións públicas.

14 de maio de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.