publicidade hoxe

Os alcaldes do partido xudicial da Arzúa acordan unir posturas para que o Xuzgado permaneza na localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúaLocal Portada
A-
A+

Os alcaldes dos concellos que forman parte do Partido Xudicial de Arzúa reuníronse esta mañá na Casa Consistorial de Arzúa coa finalidade de achegar posturas e marcar unha estratexia común de loita pola permanencia do Xuzgado, tralo anuncio do Goberno Estatal de crear un único tribunal de instancia provincial.

Todos os mandatarios coincidiron na necesidade de que o Xuzgado continúe permanecendo en Arzúa e avaliaron os graves prexuízos que suporía para os veciños destes concellos a supresión deste servizo básico. De levarse a diante a proposta do Goberno Estatal a xustiza encareceríase, sería menos accesible, e obrigaría á cidadanía a continuos traslados a capitais de provincia coas consecuentes perdas de tempo, desembolsos económicos e demais trastornos.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, que actúa nesta ocasión como voceiro de todos os mandatarios explicaba ao final do encontro que o que se decidiu foi ir “adoptando medidas escalonadamente xa que, de momento, o que hai é un anteproxecto que aínda ten que pasar por moitos trámites”. Polo de agora, anuncia, “acordamos que todos os concellos afectados aprobaran unha moción conxunta dos grupos políticos nos seus respectivos plenos; unha moción na que se reivindique a permanencia do xuzgado en Arzúa e se dea conta dos graves perxuízos que suporía para a cidadanía a súa supresión”. No caso dos concellos de Touro e Arzúa esta moción xa foi aprobada en días pasados contando co apoio de todas as formacións políticas.

José Luis García amosábase optimista ao final da reunión xa que, cando menos, todos os alcaldes das distintas cores políticas “coincidimos na importancia de que o xuzgado permaneza na localidade e por encima dos intereses dos diversos partidos políticos procuramos antepoñer o interese xeral dos cidadáns”.

O alcalde anunciou, ademais, que se irán realizando outras reunións segundo vaia habendo novidades en relación con este asunto por se fose preciso a adopción de novas medidas; no caso de Arzúa, puxo de exemplo, “xa estamos recabando firmas entre a cidadanía por se fixese falta botar man delas na nosa loita porque o xuzgado siga formando parte de Arzúa”.

28 de maio de 2014 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.