Os alcaldes do Partido Popular non acuden á reunión en Monforte sobre o partido xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

O alcalde de Monforte promoveu unha reunión de tódolos rexedores para abordar a problemática da supresión do partido xudicial, pero non asistiu ningún alcalde do PP.

O asunto que centraba a reunión celebrada esta mañá en Monforte era o anteproxecto de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e, máis en concreto, a supresión de partidos xudiciais contemplada na mesma, entre eles o de Monforte.

Á xuntanza foron convocados os alcaldes de Bóveda, Folgoso do Courel, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober, pero á mesma só acudiu o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Sotuela, e o tenente alcalde da Pobra do Brollón, Ricardo Rodicio.

Na reunión decidiron presentar, nos seus respectivos concellos, unha moción na que solicitan un acordo das Corporacións Municipais en tres puntos:

– Esixir ó Goberno do Estado a inmediata reforma do citado anteproxecto de lei, co obxecto de conseguir un texto que defenda o acceso á tutela xudicial efectiva da cidadanía.

– Instar ó presdiente da Xunta de Galicia para que inicie os trámites necesarios para garantir o mantemento dos nove partidos xudiciais da provincia de Lugo: Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Sarria, Vilalba e Viveiro.

– Acometer unha racionalización da xustiza, afastada dunha visión corporativista e centralista e elaborada de forma consensuada cos profesionais, organizacións e colectivos sociais de ámbito xurídico. Unha xustiza fundada nos criterios de respecto ó dereito á tutela xudicial, achegamento da xustiza á cidadanía e unha maior accesibilidade desprovista de custos engadidos.

Severino Rodríguez, Miguel Sotuela e Ricardo Rodicio, valoraron de xeito moi negativo a ausencia dos rexedores populares, “a pesar de que algúns confirmasen a súa presenza cando foron convocados o pasado venres”.

Consideran lamentable que para os alcaldes do PP primen máis os intereses do seu partido que os da súa veciñanza “xa que a supresión do partido xudicial comportará graves prexuízos para a cidadanía ó ter que desprazarse ata Lugo para resolver calquera cuestión que, hoxe en día, soluciona nos xulgados de Monforte”.

Os tres responsables municipais que asistiron á reunión explican que “o anteproxecto de lei do ministro Gallardón vai en contra da cidadanía e promove afastar a xustiza da veciñanaza. Os alcaldes do PP van contra os intereses da cidadanía e coa súa ausencia pretenden afastar a realidade dos intereses partidistas na campaña electoral europea”.

Segundo comentan Rodríguez, Sotuela e Rodicio “non podemos entender cales son os motivos que xustifican a ausencia nesta reunión de tódolos alcaldes do PP. Pode ser a campaña electoral ou poden ser ordes do partido, danos igual, por qué o verdadeiramente importante é a defensa dos intereses da veciñanza que os elexiu e o futuro dos nosos concellos e da comarca”.

20 de maio de 2014 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.