Oroso vivirá este domingo a aprazada Gala Solidaria a favor das familias desfavorecidas do municipio
O Concello de Oroso organiza este domingo 4 de maio a primeira edición da Gala Solidaria a favor das familias desfavorecidas do municipio, que non puido celebrarse o pasado venres 25 de abril por mor das pésimas condicións meteorolóxicas. O concelleiro de Cultura e Voluntariado, Antonio Leira, asegura que “desta vez o tempo xogará ao noso favor e agardamos que numerosos veciños e veciñas se acheguen pola Alameda de Góis para colaborar nesta iniciativa, como xa fixeron durante esta última semana moitos veciños, entidades e empresas”.
Ademais, o concelleiro de Cultura e Voluntariado destaca que “practicamente mantemos o mesmo programa de actuacións previsto para o pasado venres 25 de abril, polo que temos que agradecer dobremente a todos estes artistas que tiveran a ben acompañarnos de xeito totalmente desinteresado ata en dúas ocasións”. A Gala Solidaria 2014, que comezará ás 17:30 horas conta coa colaboración dos humoristas Federico Pérez, Isi, Josito Porto e Lito Arzúa. Tamén inclúe as actuacións musicais dos profesores da Aula de Música de Oroso, de compoñentes da orquestra Olympus e de grupos como Alborada, Bahía Blanca, Zeltia e Radio Líder. Así mesmo, actuarán tamén os solistas Diana Puñal, Dani Ríos, María Chelo, Marcos Roca, Miguel Torres, Souto e Tania Veiras. A gala será presentada por Manel Pardo, director do xornal comarcal “Lindeiros”.
Para os máis pequenos, a alameda de Góis acollerá xogos e inchables cortesía de Brétema Animación e Xandobela Xogos. Antonio Leira espera que as familias de Oroso “veñan celebrar connosco o Día da Nai, disfruten das actuacións dos distintos artistas e teñan a posibilidade de achegar alimentos non perecedoiros ou produtos de limpeza e hixiene, que despois faremos chegar ás familias máis desfavorecidas do noso municipio”.











