Oroso agradece a colaboración da veciñanza na Gala Solidaria a prol das familias desfavorecidas
O Concello de Oroso agradece a gran colaboración ofrecida pola veciñanza, polas empresas e polas entidades sociais e culturais do municipio durante a primeira edición da Gala Solidaria, que permitiron recoller máis de 1.500 quilos de alimentos non perecedoiros e de produtos de limpeza e de hixiene a prol das familias máis desfavorecidas do municipio. Os Servizos Sociais de Oroso estiveron toda esta mañá recollendo e clasificando todas as aportacións, que nas vindeiras datas se distribuirán entre as familias máis necesitadas do municipio. Entre as aportacións realizadas destacan especialmente as achegas de pastas e legumes, así como de produtos de limpeza para o fogar.
O concelleiro de Servizos Sociais, Antonio Leira, destaca “a implicación amosada por moitos pequenos negocios locais e por distintas entidades do municipio pero, especialmente, a dos veciños e veciñas de Oroso que se achegaron este domingo pola Alameda de Góis para poñer o seu gran de area nesta iniciativa, coa que axudaremos a moitas familias do noso municipio que están a sufrir especialmente os efectos desta crise”. De feito, a maiores deses 1.500 quilos de alimentos e de produtos de limpeza tamén se recolleron donativos por máis de 300 euros.
Entidades colaboradoras
O Concello de Oroso quere facer o seu expreso agradecemento a todas as entidades, asociacións e empresas que fixeron as súas achegas a esta I Gala da Solidariedade. Dende establecementos hostaleiros coma Restaurante Liñares, Cafetería por que non? ou Churrería as Delicias, ata comercios e negocios como Aluminios Ladeira, Calzados Loli, Snaxx Patatas, Farmacia dos Ánxeles, Bazar Karma, Supermercado Nouché (e tamén, como contribución propia, as empregadas do Supermercado Nouché), Puertas Norti, Juan Castro asesoría, Neumáticos Sánchez, Maderas Castro, Laura Pombo, Asesoría Rafra, Supermercados Familia e Atracciones Manuel.
Así mesmo, tamén fixeron as súas achegas entidades como Protección Civil de Oroso, a Agrupación Socialista de Oroso e o persoal técnico e dos Servizos Sociais do Concello de Oroso; así como os grupos Bacuga e Alborada. Finalmente, tamén se recolleu unha achega realizada o pasado venres por parte da Escola Infantil Trastes e os pais/nais dos seus alumnos e alumnas. “Cremos que é de xustiza que se saiban os nomes das empresas e entidades que colaboraron solidariamente nesta iniciativa”, destaca Antonio Leira, “pero tamén queremos poñer en valor as achegas de todos eses cidadáns anónimos que foron quen de sacar tempo nun día tan especial como o Día da Nai para colaborar neste proxecto solidario”.
Por último, o Concello de Oroso non se esquece da inestimable colaboración amosada polos distintos artistas que colaboraron desinteresadamente na I Gala da Solidariedade: os humoristas Federico Pérez, Isi, Josito Porto e Lito Arzúa; as actuacións musicais dos profesores da Aula de Música de Oroso, do grupo de baile de maiores de Oroso, dos compoñentes da orquestra Olympus e dos grupos Alborada, Bahía Blanca e Zeltia; e solistas Diana Puñal, Dani Ríos, María Chelo, Marcos Roca, Miguel Torres, Souto, DJ Manu López e Tania Veiras. Así mesmo, o Concello tamén agradece a colaboración de Manel Pardo, director do xornal comarcal “Lindeiros”, quen tivo o traballo de presentar a Gala durante as máis de sete horas que durou.
Antonio Leira destaca que “estes artistas non só viñeron de balde dúas veces ata Oroso, por mor do aprazamento do venres 25 de abril, senón que moitos deles tiveron que facer moitos quilómetros dende outras actuacións pagadas para poder actuar de balde en Oroso. E, por riba, fixeron as súas súas propias doazóns e mesmo compartiron os seus palcos e material técnico cos outros artistas”.











