Oriana Méndez faise co XVII Certame de Poesía “Concello de Carral”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarralLocal Portada
A-
A+

Oriana Méndez, coa súa obra O que precede a caída é branco resultou gañadora do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.

O xurado escolleu esta obra pola unidade de contido e forma, na qua se detecta que foi concibida como un todo, tendendo fíos entre a macroestrutura e os versos. O libro conta cunha linguaxe moi coidada e suxestiva prestando especial atención ao feche dos poemas. A autora crea un espazo lírico cheo de luz e establece numerosos xogos metaliterarios con diferentes escollas plásticas e artísticas. Así mesmo debemos destacar o traballo de tensión-distensión poética e o ritmo.

Oriana Méndez (Vigo, 1984) é licenciada en Filoloxía Galega e Máster en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura. Publicou Derradeiras conversas co Capitán Kraft (Galaxia, 2007) e Cero (Galaxia, 2011). Forma parte das antoloxías Anthology of galician literature /Antoloxía da literatura galega 1981-2011, de Jonathan Dume (Galaxia, Xerais, Xunta de Galicia, 2012) e Novas de poesía. 17 poetas (Fundación Uxío Novoneira, 2013).

O xurado estivo formado por Dores Tembrás, Olga Patiño Nogueira e Eli Ríos, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez.

Ao certame presentáronse un total de 36 libros

O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior.

O acto de entrega do premio terá lugar o 30 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2014. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

13 de maio de 2014 | 11:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.