Operadores de turismo rusos visitan A Coruña en busca de novos mercados turísticos

Turoperadores rusos na visita á Coruña
Un grupo de operadores de turismo rusos visitou estes días A Coruña dentro da súa xira por Galicia para coñecer destinos turísticos alternativos. Durante a súa estancia na cidade, percorreron os principais lugares e monumentos de interese, entre eles, a Cidade Vella, a praza de María Pita e a Torre de Hércules, e degustaron a gastronomía coruñesa.
A visita enmárcase dentro da liña de traballo que realiza o Consorcio de Turismo da Coruña, que preside Luisa Cid, en colaboración con Turismo de Galicia e cuxo obxectivo é situarse no mercado ruso sen descoidar outros destinos xa consolidados.
O número de cidadáns rusos que visita A Coruña aumentou de forma considerable nos últimos anos. Así o constatan as últimas estatísticas do Consorcio de Turismo que reflicten un aumento significativo de visitantes desta nacionalidade, representando o pasado verán o 2% dos turistas europeos cando un ano antes a súa presenza na cidade era practicamente anecdótica.











