Oleiros inicia o Plan de mantemento de paseos marítimos
O Concello de Oleiros pon en marcha o plan de mantemento anual das infraestruturas no borde litoral, na zona de dominio público terrestre. O plan comeza a executarse na localidade de Santa Cruz por ser unha das zonas máis afectadas polos temporais invernais, no que se refire a pintura do mobiliario e iluminación pública. As brigadas da Concellería de Servizos Municipais comezaron esta semana de bo tempo co pintado da varanda e mobiliario público do paseo marítimo na citada localidade.
Ademais a unidade de iluminación pública e electricidade está a facer a restauración e mantemento da iluminación do citado paseo moi afectado, na que se inclúen a revisión das conexións dos farois ás liñas de subministración e control, cambios de tapas de rexistro e o pintado dos báculos. Calcúlase que no prazo dunha semana estarán rematados os ditos traballos. Nas próximas datas seguirase a executar o dito plan nas demais localidades costeiras, na procura de ter as ditas infraestruturas a punto de cara á campaña de verán.
Así mesmo, o Goberno local, a través da Concellería de Servizos Municipais está a activar outros plans de conservación e mantemento coma son os de loxística de praias, conservación e mantemento do mobiliario urbano, así como a campaña de regos asfálticos e reparación de pequenos afundimentos de aglomerados asfálticos en distintos lugares do Concello.