Ociourense xa contabilizou 846 participantes no que vai de edición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseXuventude
A-
A+

O programa Ociourense, que organiza a Concellería de Saúde coa colaboración do Ministerio de Saúde, se achega ao seu remate na edición 2014. A concelleira de Saúde e Benestar Social, Marga Martín, o coordinador do programa, César Fernández, e a técnica da Concellería de Saúde, Paz Villar, fixeron esta mañá un balance de participación do que vai programa -en marcha desde marzo-, e presentaron as dúas actividades que servirán de clausura a esta edición: unha actividade de rol en vivo, e unha andaina.

Marga Martín valorou moi positivamente a participación no programa Ociourense, “que ofrece alternativas para o ocio dos mozos e das mozas, alonxados de substancias como o alcol”. Nas 15 actividades ofertadas -entre as que se atopaban escalada, buceo ou sendeirismo nocturno, entre outras – participaron un total de 846 persoas, que segundo o coordinador, César Fernández, as valoraron moi satisfactoriamente segundo as enquisas cubertas.

No que respecta ás dúas actividades que clausurarán a presente edición, o sábado día 31 de maio celebrarase nas rúas do casco vello da cidade un xogo de rol en vivo, entre as 16 e as 20 h. Vestidos de época, os participantes se dividirán en dous equipos, nun reto que se manterá en segredo ata a propia actividade. As persoas interesadas poden formalizar xa a súa inscrición gratuíta a través da páxina web www.ociourense.es.

O día seguinte, domingo 1 de xuño, celebrarase por quinto ano consecutivo a “Andaina sen fume”, con saída a partir das 10 h desde a Praza Bispo Cesáreo. En 10.000 pasos, os recomendados pola Organización Mundial da Saúde para manter unha vida saudable, os participantes pasearán polas beiras dos ríos Barbaña e Miño. A Andaina será conmemorativa do Día Mundial sen tabaco (31 de maio), e requerirá de inscrición previa -gratuíta e xa aberta- na Concellería de Saúde ou na propia actividade, desde as 9 horas. Incluirá un almorzo saudable e o sorteo de agasallos entre os participantes.

Unidade de deshabituación tabáquica

Paz Villar, técnica da Concellería de Saúde, fixo alusión ao traballo diario desempeñado pola Unidade de Deshabituación Tabáquica, na que, asesorados por un psicólogo especializado, os usuarios intentan deixar progresivamente de fumar en cinco ou seis sesións. No ano 2013, un 41,46% dos participantes neste programa deixaron totalmente de fumar en tres ou catro meses.

Obradoiros de relaxación, intelixencia emocional e andainas

A concelleira de Saúde, Marga Martín, rematou a rolda de prensa lembrando os cursos que a Concellería ten en marcha: obradoiro de relaxación, obradoiro de saúde emocional e andainas saudables. As andainas percorrerán o Lonia, o Barbañica e o Paseo das Ninfas en varias saídas semanais durante o mes de xuño.

20 de maio de 2014 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.