Obras de mellora nas praias das Lapas, Riazor e San Roque de cara á tempada de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellaría de Medio Ambiente inviste 88.500 euros na execución dunha serie de actuacións que permitirán mellorar as praias de Riazor, As Lapas e San Roque de face á tempada de verán, que empeza o próximo 15 de xuño nos areais da cidade.

O Concello, a través do departamento que dirixe Enrique Salvador, xa empezou dous proxectos que permitirán a estabilización de noiros nas praias das Lapas e de San Roque. No primeiro caso, cun orzamento de 35.121 euros e un prazo de execución previsto dun mes, as obras consistirán na roza e retirada da capa de terra vexetal e pedras que coroan o noiro do areal das Lapas para, a continuación, retirar as pedras que se atopan fragmentadas. Finalizados os traballos, restaurarase a vexetación e prolongarase a varanda de madeira existente en varios tramos da senda superior.

Nos noiros da praia de San Roque, o Goberno local tamén empezou a efectuar traballos de estabilización, pois se trata dun areal que queda mergullado durante o período de marea alta e boa parte dos seus noiros ven afectados pola acción do mar. Por este motivo, instalarase muros de dique a pé do noiro. O Concello inviste 43.249,72 euros nestas obras, que tamén teñen un prazo de execución dun mes.

A terceira obra programada pola Concellaría de Medio Ambiente, cuxa execución está previsto arrincar esta semana, é a reparación da plataforma das duchas da praia de Riazor e As Lapas tras os danos ocasionados polo mar no inverno. Demoleranse as zonas que se atopan deterioradas e substituirase por laxa de formigón. O Goberno municipal dedica 10.212 euros para esta actuación.

CANALIZACIÓNS

A Concellaría de Medio Ambiente tamén informa de que comezou a execución de catro pozos de rexistro novos para facilitar a inspección do principal colector de saneamento situado na praia de Riazor e o seu posterior mantemento. O Concello inviste 38.600 euros nesta obra que se enmarca dentro do proxecto para reducir a entrada de auga do mar na rede de rede de sumidoiros.

O tramo da rede que se inspeccione é a galería, de 500 metros de lonxitude, que atravesa a praia de Riazor, entre a esquina coa rúa Modesta Goicouría e o colexio das Escravas. Para favorecer a súa inspección, instalaranse catro pozos intermedios e, a continuación, realizarase unha retención e by-pass do caudal para facilitar a limpeza do tramo e a inspección da galería por parte dos mergulladores. Esta revisión permitirá localizar os puntos de entrada de auga de mar. Optouse por esta solución ao comprobar que será máis eficiente que os intentos realizados anteriormente con videocámaras.

 

13 de maio de 2014 | 11:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.