O xuvenil do Azkar Lugo clasifícase para os cuartos da Copa de España
O Azkar Lugo xuvenil clasificouse onte domingo de forma brillante para os cuartos de final da Copa de España xuvenil. Os lucenses realizaron un excepcional partido ante o Jerez 1993 (actual subcampión da Copa de España) ao que acabaron por derrotar por 9 goles a 4 nun partido que prácticamente xa deixaban sentenciado ao descanso os galegos, amosando unha gran superioridade sobre o rival e realizando un choque moi completo.
A concentración dos de Ángel Pérez dende o inicio foi máxima e así o demostraron cunha extraordinaria seriedade defensiva en media cancha e así dous bos roubos e con boa finalización chegarían os dous primeiros goles. O Jerez 1993 víase sen espazos para realizar o seu xogo e iso xeráballe tensión. Trala expulsión do técnico dos andaluces por protestas aos colexiados, o Jerez pareceuse ir do partido e o Azkar Lugo aproveitouno para con dous novos goles encarrilar case a eliminatoria. E é máis, antes do descanso, as numerosas faltas dos jerezanos daban a posibilidade de dous lanzamentos de dobre penalti para os azuis que Asier transformaba para poñer un 6-0 ao intermedio, quizais algo inesperado xa que se prevía un choque máis igualado.
No segundo periodo, e quizais contaxiado polo resultado, durante varios minutos a confianza do marcador apoderouse dos galegos que viron como o Jerez chegaba con maior perigo e de feito os andaluces eran capaces de anotar dous goles para poñer o 6-2 no luminoso. Os pronistas reaccionaron e encargáronse de cortar de raíz calquera tipo de esperanza de remontada dos visitantes: dous goles en dous minutos e o 8-2 ao electrónico. No tempo restante o Jerez 1993 buscou con porteiro-xogador xerar máis perigo, pero o meta dos lucenses ao minuto 33 de portería a portería conseguía o 9-2. Co partido sentenciado, e xa con falta de intensidade, Alexandre sería capaza de deter dous lanzamentos de dobre penalti na recta final, parando un deles coa cara que fixo que regresase a cancha Nacho. No último minuto o Jerez maquillaría o resultado con dous goles de dobre penalti para pechar o marcador (9-4).
Ficha técnica:
Azkar Lugo 9: Nacho, Asier, José López, Álex Diz e Adrián, -cinco inicial-, Porto, Costoya, Álvaro, Álex, Areñas e Alexandre.
Jerez 1993 4: Víctor, Abraham, Dani, Poti e Cristian, -cinco inicial-, Diego, Makako, Cristian Negro e Cristian Rubio.
Árbitros: Ferrero Carballal e Rey Hermida (Pontevedra/Santiago). Amonestaron con tarxeta amarela Adrián e Asier (Azkar). Expulsaron por dobre amarela a Dani e a Makako (Jerez).
Incidencias: oitavos de final da Copa de España xuvenil. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo.
Goles: 1-0 min. 2 Álex Diz, 2-0 min. 10 Costoya, 3-0 min. 13 Álvaro, 4-0 min. 14 Álex Diz, 5-0 min. 17 Asier (dobre penalti), 6-0 min. 18 Asier (dobre penalti), 6-1 min. 23 Cristian Negro, 6-2 min. 28 Dani, 7-2 min. 29 Álex Diz, 8-2 min. 31 Adrián, 9-2 min. 33 Alexandre, 9-3 min. 40 Cristian Rubio (dobre penalti) e 9-4 min. 40 Cristian Rubio (dobre penalti).
O próximo rival dos lucenses será o Umacón Zaragoza que nesta rolda eliminou ao Albacete (3-6). A eliminatoria de semifinais a partido único disputarase na capital mañá este sábado ás 18:00 horas no Pavillón Río Ebro.
O benxamín, subcampión galego
Gran tempada a realizada polo Azkar Fundación benxamín que onte finalizou a mesma conseguindo o subcampionato galego da súa categoría na localidade ourensá de Celanova. A esta fase final chegaban os campións das catro provincias galegas: Anpabal (Pontevedra), Cidade de Narón (A Coruña), Celanova (Orense) e Azkar Fundación (Lugo).
Os lucenses impuxéronse ao Anpabal en semifinais (4-3) e na final esperáballe o Cidade de Narón que eliminara por idéntico resultado ao Celanova. Na gran final os lucenses non puideron coa superioridade dos naroneses que acabaron levantando o título de campións galegos grazas ao 7-0 final.











