O xuíz Aláez rexeita suspender a declaración dos 11 imputados de Adif
O xuíz Luis Aláez, que instrúe a causa polo accidente de Angrois, rexeitou suspender a declaración dos 11 excargos de Adif chamados en calidade de imputados, aínda que aceptou modificar a data de dúas das citacións.
Nun auto emitido este xoves, Aláez considera que “non existe xustificación” para atender á petición de suspensión das declaracións presentada pola representación procesual dos imputados, que alegaron “non ter coñecemento” das actuacións.
Neste sentido, o maxistrado recorda aos imputados que “queda á súa libre decisión” o feito de declarar ou non o facer durante a vista de toma de declaracións, “ou facelo noutro momento posterior, cando teña ese mellor coñecemento da causa”. Este “silencio”, indica, non suporía “unha valoración negativa” dos seus testemuños.
Por outra banda, Luis Aláez apunta que na presente causa “consta a notificación aos imputados” do auto polo que acorda a súa imputación, e “se expón” nel o obxecto do procedemento. Ademais, sinala, “consta que designaron avogados para a súa defensa e dende este momento poden acceder a todas as actuacións”.
Noutro auto, Aláez acorda a modificación da data de dous das citacións, dado que os imputados alegaron que as súas defensas tiñan “dous señalamientos para o mesmo día” en distintos tribunais.
En concreto, Andrés María Cortabitarte López, exdirector de Seguridade na Circulación de Adif, que debía declarar o día 22 ás 10.00 horas, farao o día 28 de maio ás 13.00 horas. Pola súa banda, o vogal Mercedes Cabaleiro Fernández, citada para o 27 ás 11.30 horas, comparecerá o día 26 ás 10.30 horas.











