O XIII Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra visitará Tui, Lalín e Vilagarcía
Tui, Lalín e Vilagarcía de Arousa acollerán no vindeiro mes de outubro o XIII Certame Provincial de Bandas de Música que impulsa a Deputación de Pontevedra e que se ten está consolidado como unha referencia para estas agrupacións, que moven ao longo e ancho da provincia a milleiros de nenos, mozos e maiores.
Ao concurso poderán presentarse todas as bandas de música federadas, que poderán competir en tres niveis segundo o grao de dificultade da peza de libre elección que interpretarán.
Na sección primeira –a de maior dificultade– poderán competir un máximo de 6 bandas mentres que nas seccións 2ª e 3ª serán un máximo de 8 as agrupacións que concursen e, en todos os casos, o número máximo de músicos por agrupación será de 110. Cada Banda de Música das seccións segunda e terceira poderá contar con 5 instrumentistas alleos á agrupación, mentres que na para a sección primeira poderán ser 6, pero en ningún caso un mesmo músico poderá actuar en dúas bandas distintas na mesma sección.
A selección das agrupacións farase nun sorteo público na Deputación entre todas as bandas que se presenten para participar en cada unha das seccións, e que terán que interpretar tres pezas: unha fóra de concurso, que será un pasodobre dun máximo de 5 minutos; unha de libre elección e unha obrigada.
A de interpretación obrigatoria será, na Sección Primeira, 2Q1E In memoriam de David Cuevas; Theseus de Andrés Álvarez na Sección Segunda; e Sangral de Israel Quintas na Sección terceira.
En outubro
O certame da sección primeira terá lugar no Auditorio Área Panorámica de Tui o 4 de outubro; o da sección segunda, no Auditorio Municipal de Lalín o 11 de outubro; e o da sección terceira no Auditorio Municipal de Vilagarcía o 18 de outubro.
Só por participar, cada banda percibirá entre 2.000 e 3.500 euros (en función da sección) e establécense 3 premios (2 que concede a Deputación e un terceiro que sufraga Musical Pontevedra) aos mellor clasificados en cada nivel.











