O Volei Xiria opta a contar cun equipo na Liga masculina Galega Infantil que terá lugar en Carballo
As Mariñas Oleiros, o Club Vigo Voleibol, o CV Narón Volea, os Franciscanos, o Santa María del Mar e a AD Xiria Varela Urbieta son os equipos que o sábado 24 de maio pelexarán para conseguir as dúas prazas que dan dereito a optar a próxima tempada a contar cun equipo na Liga Galega Infantil de Voleibol en categoría masculina. Esta fase autonómica que se corresponde co Grupo B mixto-masculino ten ademais o aliciente de que ten lugar no Pavillón Carballo Calero da capital municipal, co obxectivo, segundo explica Rosalino Mariño, responsable deportivo da sección de voleibol de Xiria, “de enganchar a cada vez a máis nenos e nenas” da vila neste deporte. Neste momento, a AD Xiria conta cun equipo infantil mixto, formado por nenos e nenas e, de chegar á final desta fase, tería a opción de participar na Liga Galega cun equipo totalmente masculino. Así, en caso de clasificarse, Mariño explica que espera poder atraer aos suficientes nenos para poder completar o equipo e competir a nivel galego.
Pero antes o equipo mixto debe chegar á final da fase, disputando encontros no Pavillón a partir das 10.00 horas e enfrontándose ao Club Vigo Voleibol e ao equipo As Mariñas Oleiros (tamén mixto). Xa pola tarde ás 16.30 son as semifinais; ás 18.00 horas a loita polo 3º e 4º posto; e a continuación a final, que con só chegar a disputala xa dá dereito a ascender de categoría. Rosalino Mariño asegura que para a próxima tempada o Xiria contará con tres equipos en categoría infantil, dous femininos e manterá o equipo mixto. Mais espera que, de terse éxito o 24 de maio, sexa posible crear un equipo masculino. Mariño quixo agradecer a colaboración do Concello de Carballo para que a fase autonómica teña lugar na vila, o que sempre contribúe a crear novos afeccionados e deportistas. De feito, o Volei Xiria infantil mixto tamén está clasificado para loitar pola vitoria na fase final provincial que ten lugar a última fin de semana de maio na Coruña; e tamén opta en categoría alevín feminina a gañar o Campionato Galego que ten lugar en Lugo o 1 de xuño.
O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo felicitar ao Xiria “polo traballo que desenvolve cada ano”; mentres que o Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou o feito de a vila segue “nun frenesí deportivo” que fai que o 24 de maio Carballo acolla “tres acontecementos destacados”, como son a fase de voleibol, o Trofeo Ciclista Concello de Carballo ou o 1º Autocross Carballo. En concreto desexoulle ao Volei Xiria moita sorte na eliminatoria e defendeu o fomento do deporte de base, tamén no volei, “con cada vez máis xente en competición”. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador da cita nun documento en pdf nesta mesma nova.











