O venres finaliza o prazo para presentar candidatos ao mellor deportista local de Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

De acordo coas bases aprobadas o pasado mércores polo consello rector da Fundación de Deportes, os clubs e veciños en xeral poden presentar candidatos ao premio de mellor deportista local ata o vindeiro venres, día 23. En xornadas anteriores, os equipos xa recibiron a comunicación da apertura do prazo así coma as bases do premio. Os galardóns serán entregados no transcurso dunha gala a celebrar na tarde-noite do día 7 de xuño, sábado, na praza de Galicia. A festa do deporte terá este ano un compoñente especial, xa que cumpre a súa 25 edición.

Ademais de mellor deportista local de 2013, tamén haberá catro finalistas e se concederán mencións especiais en distintos apartados (traxectoria individual o dun club, empresas, eventos, etcétera) e distincións a deportistas de base. Para ser candidato ao mellor deportista é necesario que este sexa residente na cidade alomenos dende dous anos antes da proposta.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, a Festa do Deporte desenvolverase en dúas xornadas, a primeira –a do venres- centrada en activdidades no recinto multiusos de Fexdega e a segunda –o sábado- na que o deporte sairá á rúa, todo arredor da praza de Galicia e rúas periféricas e que rematará coa citada gala do deporte local.

20 de maio de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.