publicidade hoxe

O veciño de Soutomaior, Hugo Teijera, marchará pola paz en vespa ata o Vaticano cun grupo de xóvenes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSoutomaior
A-
A+
Hugo Teijera co alcalde de Soutomaior

Hugo Teijera co alcalde de Soutomaior

O Alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, recibiu esta mañá a visita de Hugo Teijera, un dos dous mozos de Soutomaior que este domingo comezarán a súa viaxe en Vespa ata o Vaticano. Durante o encontro, o rexedor local aproveitou para desexarlle sorte na súa marcha e entregarlle dúas camisetas do Concello e un banderín co escudo de Soutomaior. Xesto ao que respondeu o viaxeiro coa camiseta que deseñou co seu compañeiro para conseguir fondos e publicitar a súa viaxe.

Levar o nome de Soutomaior por Europa, apoiando unha marcha pola paz, supón unha satisfacción e honra para todos os seus veciños. Un sentimento polo que o alcalde, Agustín Reguera, quixo agradecer aos dous mozos a súa iniciativa e mostrarlle o apoio de toda a corporación municipal durante as duras xornadas de viaxe que lles esperan. “É un orgullo tremendo para todos os veciños de Soutomaior contar con mozos como Hugo e Miguel e desde o Concello temos que estar ao seu lado”, afirmou Agustín Reguera.

Como mostra deste agradecemento, o rexedor local fixo entrega de dúas camisetas do Concello de Soutomaior e un banderín co escudo municipal para acompañalos nesta viaxe. Á súa vez, Hugo Teijera, respondeu os presentes regalándolle ao alcalde una das camisetas que deseño xunto ao seu compañeiro para publicitar a súa viaxe e tentar conseguir algúns fondos para sufragar os gastos da viaxe.

Hugo Teijera e Miguel Bastos son dous mozos de Soutomaior que este domingo partirán cara a Roma sobre Trinela e A Cordobesa, as súas dúas Vespas recentemente restauradas por eles mesmos. A idea xurdiu coa iniciativa “quilómetros pola paz” e a viaxe dun mozo de Cádiz ao redor do mundo en moto. Para “facelo máis difícil”, Hugo e Miguel decidiron facelo no scooter de Piaggio. Durante seis días de viaxe, estes dous intrépidos viaxeiros percorrerán os 2.500 quilómetros, por estradas secundarias, que separan Soutomaior da Cidade do Vaticano. Ataviados cunha mínima equipaxe, pouco máis que unha tenda de campaña, un saco de durmir, unha mochila de roupa e unha caixa de ferramentas, levarán o nome do Concello de Soutomaior até a basílica de San Pedro, onde esperan ser recibidos polo Papa Francisco. “Aínda non é seguro porque aínda non nos chegou a resposta, pero esperamos poder velo despois da misa papal dos mércores” conta Hugo.

Pero para eles Roma só é a primeira parada, a súa intención é continuar até a localidade de Bari, onde cruzarán en ferri até Croacia e seguirán conducindo até Ucraína para levar á súa mensaxe de paz até un país tan necesitado deste sentimento. A partir de mañá as actualizacións desta viaxe poderanse seguir a través da páxina de Facebook “Volta a Europa de H”.

29 de maio de 2014 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.