O Trofeo Ciclista Concello de Carballo cumpre preto de 20 anos congregando a 250 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+

Máis de 250 participantes de toda Galicia e incluso chegados de fóra participan o sábado 24 de maio no Trofeo Ciclista Concello de Carballo, que completa unha andaina de case 20 anos celebrando esta proba de ciclismo en estrada. Organizado polo Club Ciclista Carballo-Placasa coa colaboración do Concello, está previsto que compitan ciclistas de categorías escolas (principiante, alevín e infantil) júnior, cadetes e femias repartidos en diferentes lugares, horarios e percorridos. A proba conta este ano con algunha novidade. Unha delas é que desta volta colabora, ademais de Federación Galega, a Federación Española de Ciclismo no caso da categoría júnior, polo que o trofeo sae das fronteiras galegas.

Nestes momentos xa está confirmada a presenza dun club de León. Ademais, este ano a carreira súmase á Copa Federación Galega, creada para potenciar as probas de ciclismo en estrada. Polo demais, a proba conta co mesmo percorrido que en anos anteriores, con saída, meta e zona de quecemento na Gran Vía á altura do Mercado Municipal e co incio da proba coa categoría de femias a partir das 15.00 horas. O remate das carreiras e a entrega de trofeos está prevista para as 20.00 horas, aproximadamente. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixeron transmitir os seus parabéns ao Club Ciclista Carballo polo seu labor, con especial atención aos máis cativos e cativas. No que respecta ás características da proba máis polo miúdo, as femias, unha categoría que admite a ciclistas maiores de 15 anos sen límite de idade (está xa confirmada unha participante de máis de 40 anos), saen ás 15.00 horas cun percorrido de dúas voltas e 32,9 quilómetros por Carballo, Coristanco, Rus e de volta a Carballo. Ás 16.30 os cadetes realizan o mesmo circuíto que as femias, mentres que os júnior saen ás 18.00 horas.

O seu percorrido varía xa que, saíndo desde Carballo, pasarán por Coristanco e Agualada, volvendo a Coristanco e pasando despois por Rus para volver á capital municipal. Realizarán dúas voltas que supoñen 73,9 quilómetros. Juan Seoane, director deportivo do Club Ciclista Carballo, destaca a dureza deste circuíto especialmente polas zonas de Cereo e Agualada, con pequenas e continuadas subidas que van desgastando as forzas dos participantes. No que respecta ás escolas, os alevíns e infantís realizarán ás 18.00 e 18.30 horas, respectivamente, un circuíto de 1,6 quilómetros polas rúas da capital municipal. Será de 4,8 quilómetros para os alevíns, con 3 voltas; e de 14,4 quilómetros para os infantís, con nove voltas. É similar ao de anos anteriores, aínda que se suavizaron algunhas curvas, como a de acceso á Rúa Valle Inclán.

Por último, unha das citas que congrega a máis público é a dos principiantes, xa que os máis cativos e cativas realizan unha proba de habilidade cun pequeno circuíto de obstáculos na Praza do Concello. Neste caso, a cita é a partir das 19.00 horas. A proba repartirá un total de 820 euros en premios, ademais de numerosos trofeos elaborados en olería de Buño e que reproducen o logo do Club Ciclista. Ademais, hai un premio de Meta Voante para os júnior patrocinado por Panadería Añón na recta de Rus e tamén un premio de montaña por puntos. O Alcalde quixo amosar a súa satisfacción por que Carballo acolla esta proba, xa que “por desgraza non hai moitos concellos que podan gozar deste espectáculo” e desexou que o Club continúe a realizar o seu bo traballo fomentando a práctica do ciclismo.

22 de maio de 2014 | 14:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.