O torneo internacional ‘Arousa Fútbol 7’ combina alto nivel competitivo coa apertura ao fútbol modesto

Presentación da XIX Arousa Fútbol 7

Presentación da XIX Arousa Fútbol 7

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, felicitou hoxe aos organizadores do Torneo Internacional Arousa Fútbol 7 que este ano acada a súa décimo novena edición, por ser quen de, ao longo da súa longa traxectoria, “saber combinar a proxección internacional e o alto nivel competitivo coa apertura, desde os inicios, a todos os clubs galegos, que teñen a opción de participar a través da fase previa e conseguir unha das catro prazas reservadas para a fase final, na que poden medirse con equipos de recoñecido prestixio nacional e internacional”.

Deste modo, o certame de fútbol 7 de categoría alevín que celebra a súa fase final do 13 ao 15 de xuño, “promove e impulsa o noso fútbol modesto, un deporte ao que tantas horas dedican moitos dos nosos escolares e co que tanto aprenden a crecer como persoas, a vivir o compañeirismo, o respecto, o sacrificio, o saber perder e o saber gañar”, engadiu Lete Lasa.

O secretario xeral manifestou que o departamento que dirixe é “consciente desta importante función educativa, social e, por suposto, sanitaria, que desempeña o fútbol entre as novas xeracións, ademais dos seus aspectos puramente deportivos”. Por iso, continuou, a Xunta dedica un importante esforzo orzamentario a apoialo, xunto con outras modalidades deportivas, mediante o seguro médico deportivo gratuíto para todos os nenos e nenas de 6 a 16 anos de idade que estean federados; e mediante o desenvolvemento do programa Xogade entre os escolares, no que tanto peso ten o fútbol, e que á súa vez forma parte do Plan Galicia Saudable de promoción da saúde mediante o exercicio físico en todos os sectores de poboación.

Así mesmo, destacou o positivo impacto na economía local dun evento como o ‘Arousa Fútbol 7’, que na súa fase previa move 90 equipos e 1.350 xogadores, ademais dos 20 equipos e 300 xogadores na fase final, cifras que se multiplican notablemente ao engadir os familiares e acompañantes, así como os moitos afeccionados en xeral que eses días visitan e consumen na hostalaría e o comercio vilagarcián.

Como xa é habitual, a fase previa celebrada o pasado mes de abril determinou os catro equipos clasificados para competir na final, xunto coas dezaseis formacións que acoden por invitación. Os catro gañadores de abril -E.F. Racing de Ferrol, C.D. Areosa (Vigo), E.D. Luis Calvo Sanz (Carballo) e A.F.B. Lanzarote- mediranse ante os equipos invitados, algúns deles xa habituais como o Real Madrid, o Barcelona, o Inter de Milán ou o Benfica de Lisboa, e novos debutantes como a Juventus de Turín, o União Río de Brasil ou o Dallas de Estados Unidos.

Este ano, na fase final xogarán seis equipos galegos: os tres dos catro que accederon na fase previa e o R.C. Celta, o R.C.D. de A Coruña e o C.D. Lugo.

Condolencias polo accidente do equipo de Monterrubio

No transcurso da súa intervención, o secretario xeral para o Deporte manifestou o pesar do seu departamento e de todo o goberno galego polo accidente de tráfico que a semana pasada custou a vida de cinco rapaces do equipo de fútbol sala de Monterrubio de la Serena (Badajoz). Lete Lasa uniuse “á dor das familias e amigos”, e desexou “a pronta recuperación dos feridos”, en sintonía coas numerosas expresións de condolencia realizadas estes días desde todos os puntos de España e desde a gran familia do fútbol.

14 de maio de 2014 | 11:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.