O Teatro Colón acollerá o III Festival Arte pola Igualdade do colexio María Mariño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Unha vintena de alumnos do Colexio de Educación Especial María Mariño actuará este xoves no III Festival Arte pola Igualdade organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. A Deputación, pola súa banda, cederá, de novo, o Teatro Colón para dar cabida a este evento que conta tamén coa intervención do Conservatorio Profesional de Música.

Ata 70 estudantes poñerán música en directo á obra “O meu reino non é deste mundo”, unha adaptación da publicación de Manuel María. A directora do centro, María Luz Barreiro, que agradeceu a colaboración de ambas administracións públicas para a organización do espectáculo, destacou os beneficios dunha actividade coma esta para alumnos con necesidades especiais: “Gañan soltura, saber estar e autonomía ao ter que aprender e interpretar o texto”.

Pola súa banda, Jesús López, director do Conservatorio, sinalou os beneficios da música para estes rapaces xa que contribúe “á súa concentración e a adaptarse a unha disciplina”.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, encargáronse de presentar o acto no Teatro Colón no que a vicepresidenta da Deputación exerceu de anfitrioa e comprometeu o apoio da institución provincial para vindeiras edicións.

19 de maio de 2014 | 14:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.