O santiagués Paco Nogueiras publica “Brinca Vai!”, o seu primeiro traballo discográfico

Carátula do libro-cd-dvd
O músico compostelán Paco Nogueiras vén de publicar o seu primeiro traballo discográfico titulado “Brinca Vai!”, editado por KALANDRAKA en formato libro-cd-dvd. Con ilustracións de David Pintor e vídeos musicais gravados por José Miguel Sagüillo, “Brinca Vai!” reúne doce cancións en galego dirixidas ao público infantil e familiar. Coincidindo co Día das Letras Galegas, o primeiro concerto de presentación de “Brinca Vai!” celebrarase mañá sábado, 17 de maio, ás 20:00 horas, na Feira do Libro de Lugo.
Paco Nogueiras é o compositor e intérprete de todos os temas, nos que aborda temas incluídos no currículo escolar: a natureza, os xogos tradicionais, a importancia dos libros e da lingua galega, ou celebracións como o Entroido, o Nadal, o Magosto e o Samaín. Destaca tamén polo amplo abano de estilos musicais contemporáneos, dende o rock ao reggae, pasando polo techno e a música electrónica, con influencias tradicionais.
Trátase dunha proposta lúdica e transgresora, que transmite bo humor, e que se complementa con imaxes cheas de colorido, expresividade e dinamismo. “Brinca Vai!” reúne lectura, expresión musical e corporal, creatividade artística e aprendizaxe global en clave de diversión.
Ademais dos contidos do libro-cd-dvd, os lectores atoparán materiais adicionais en www.brincavai.com, unha páxina web aberta á interacción co público, que poderá compartir impresións, traballos escolares e mesmo videos musicais de elaboración propia, seguindo as instruccións que José Miguel Sagüillo explica no libro.
Con motivo da súa chegada ás librarías de toda Galicia en vésperas do Día das Letras Galegas, “Brinca Vai!” publicou en Youtube o vídeo da canción “Meu o mundo é!”, gravado na Zona Monumental de Pontevedra; un canto ao valor ilimitado da nosa lingua, na que se poden expresar e desenvolver todo tipo de emocións, experiencias e sectores: ciencia, arte, deporte, música, ensino, cine, teatro, literatura, industria ou investigación.
Trala presentación en Lugo, Paco Nogueiras ofrecerá novos concertos de “Brinca Vai!” en Vigo, Ourense, Ferrol, Ribadeo, Rianxo, A Coruña e Monforte, entre outras localidades.











