O Santiago Futsal despide hoxe a tempada
O persoal do Santiago Futsal pecha hoxe a súa tempada 2013/2014 tras ser recibidos ao mediodía no Pazo de Raxoi pola Corporación Municipal tras gañar a súa sexta Copa Xunta o pasado xoves ante o Burela Pescados Rubén, converténdose así no equipo con máis trofeos no seu haber.
Xogadores, corpo técnico e directiva recibiron o parabén de parte dos membros do Concello, entre os que se atopaban o Excmo. Alcalde de Santiago D. Anxo Currás, o Concelleiro de Deportes D. Adrián Varela, D. Francisco Noya, concelleiro de Participación Cidadá, e os concelleiros D. Bernardino Rama e D. Gonzalo Muiños.
Ramón García, presidente do Santiago Futsal agradeceu o recibimento por parte da Corporación Municipal, resaltando que “o Santiago Futsal baséase en dous alicerces fundamentais, os seus xogadores e técnicos, que o pasado 1 de Maio deron unha lección de profesionalidade competindo ante un gran rival como Burela para levantar a súa sexta Copa Xunta. O segundo alicerce é a súa afección que o pasado 1 de Maio tamén deu unha lección de civismo, mostrando o seu apoio incondicional a este equipo”.
Pola súa banda, o Excmo. Alcalde de Santiago, D. Anxo Currás deu o parabén ao Santiago Futsal polo recente trofeo conseguido, agradecendo “ao club o levar o nome de Santiago non só por toda España senón tamén por todo o mundo”.
Pola tarde, os membros do primeiro equipo, disputaron un partido de fútbol campo no campo do Sergas no que gozaron dunha divertida tarde para despedir aos seus compañeiros. Pola noite darán por finalizada a tempada cunha cea en O Dezaseis, cortesía da Carnicería Mancebo, habitual colaborador do club, que convidou a xogadores, corpo técnico e directiva a unha apetitosa cea para despedir ao persoal polas súas vacacións de verán.











