O Sagrado Corazón de Xesús será trasladado dos xardíns do Pazo da Marquesa ao Convento do Rosario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Traslado da estatua

Traslado da estatua

Dous operarios enviados pola diocese Mondoñedo-Ferrol traballaron durante toda esta mañá para trasladar a figura do Sagrado Corazón de Xesús desde os xardíns do Pazo da Marquesa ata o claustro do Convento do Rosario. O Concello de San Sadurniño ofrecéralle esta posibilidade á Igrexa a comezos do ano pasado co obxectivo de buscarlle á estatua de bronce un emprazamento definitivo e para evitar que resultase danada durante os labores de urbanización do contorno do edificio anexo.

O Sagrado Corazón de Xesús orixinal medía 9 metros e erguíase no outeiro de Los Ángeles, preto de Madrid. Alfonso XIII inaugurouno en 1919 nun acto multitudinario ao que acudiron entre outros persoeiros da época os Duques da Conquista. Un ano despois eles mesmos contarían nas súas posesións de San Sadurniño cunha reprodución en bronce daquela imaxe.

A figura botou anos colocada preto do río Xubia, ata que se trouxo para aos xardíns do pazo na época en que as relixiosas de Cristo Rei xestionaron o legado da marquesa. Agora repítese a historia cun novo cambio de emprazamento -o terceiro en menos dun século-, acordado entre a Igrexa Católica e o Concello. O vicario xeral do bispado da Diocese Mondoñedo-Ferrol solicitara en 2013 a doazón “dos bens mobles de uso exclusivamente relixioso e litúrxico” do edificio anexo ao Pazo entre os que se incluiu a figura do Sagrado Corazón “para trasladala ao claustro do Convento [do Rosario]”.

Foron necesarias varias horas para retirar a imaxe da súa peana de cemento. A figura fundiuse en dúas pezas ensambladas posteriormente. O técnico responsable do traslado volveu desmontar a estatua para poder manexala de forma máis cómoda. Malia estar feita de bronce, partes como as mans ou os dedos son estremadamente fráxiles e por iso todo o traballo se desenvolveu sen présa e con sumo coidado.

Pouco despois do mediodía o Sagrado Corazón de Xesús era introducido no convento do Rosario. A Igrexa ten previsto construírlle unha novo soporte que se situará no centro do xardín do claustro. Non está previsto facerlle ningunha limpeza en profundidade, xa que os técnicos consideran máis axeitado deixar a figura coa pátina que foi adquirindo co tempo.

A imaxe foi acollida con grande xúbilo na sede parroquial, onde a chegada do Sagrado Corazón se celebrou coa difusión do himno de España a través da megafonía do campanario e con volume suficiente para que se puidese escoitar en todo o val.

 

9 de maio de 2014 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.