O (S8) converterá á Coruña na capital cinematográfica cun programa dedicado á sétima arte xaponesa

Presentación (S8)
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá o (S8), a 5ª Mostra de Cinema da Coruña que se celebrará entre os días 4 e 8 de xuño en distintos espazos da cidade como a Fundación Luís Seoane, o Teatro Rosalía Castro, o Kiosko Alfonso, o CGAI, ou a Fundación Novacaixagalicia. “Durante cinco días a cidade volve converterase no foco de atención de todo o país, e é que esta Edición Especial formará parte das actividades que se están desenvolvendo en España durante 2014, Ano Dual España – Xapón. Así, en xuño, o (S8) coruñés será un dos focos principais deste evento internacional que conmemora os 400 anos de relacións entre ambos os países”, destacou a concelleira.
Ana Fernández explicou que o certame contará con diferentes espazos na cidade para albergar proxeccións, instalacións, exposicións e performances, talleres infantís e encontros cos cineastas invitados. Así, a sede principal situarase no Centro Sociocultural da Fundación Novacaixagalicia; A Fundación Luís Seoane será o lugar de encontro para as noites de performance; o Kiosko Alfonso será a sede do Mini (S8) para o público infantil; e o CGAI albergará distintas actividades do Especial Xapón.
“Ademais, o Teatro Rosalía terá o privilexio de acoller, por primeira vez no noso país, unha das artes narrativas máis representativas do cine xaponés e única a nivel mundial: unha representación de Katsuben – Benshi”, destacou e explicou: “Estes narradores do cine mudo foron figuras decisivas na formación do cine xaponés”. A representación, que terá lugar o mércores 4 de xuño, a partir das 20.00 horas, contará coa presenza do benshi Raiko Sakamoto. Ademais, Yoichi Yuasa interpretará co shamisen -instrumento típico de corda xaponés- a banda sonora de Jirokichi the Rat (1931), a única película muda do lendario director Daisuke Ito conservada integramente. Esta iniciativa dentro do Festival completarase cunha conferencia sobre a tradición do cine mudo en Xapón o 2 de xuño, a cargo de Neves Moreno, licenciada en Estudos Asiáticos pola Universidade Autónoma de Madrid.
O (S8) contará na súa quinta edición cun dos grandes mestres do cine experimental internacional: Takahiko Iimura. O Festival desenvolverá un programa completo da súa obra e, do 4 ao 8 de xuño, a sede da Fundación Novacaixagalicia acollerá a instalación As I See You, You See Me , que o propio autor activará en directo mediante unha intervención.
Ademais, a programación contará con outros eventos destacados:
– Cine de vangarda xaponés. Da man de Daïchi Saïto, cofundador do colectivo artístico Double Negative dedicado á exhibición, difusión e produción do cine experimental, o (S8) será proptagonista daqueles títulos que o autor considera imprescindibles. Ademais, o público poderá acceder a parte da obra do propio Saïto que se proxectaron nalgúns dos espazos culturais máis importantes do mundo.
– Grupo (+). Formado por Takashi Makino, Rei Hayama e Shinkan Tamaki, considerados o futuro da vangarda cinematográfica xaponesa e creadores desta plataforma de creación e innovación.
– Teruo Koike. A Mostra de Cinema Periférico tamén acollerá a obra única, baseada nos seus singulares “ecosistemas”, de Teruo Koike, filmados e proxectados en Super 8. En total, máis de 40 minutos de cine cunha parte sonorizada en directo polo propio Koike cunha frauta xaponesa tallada por el mesmo.
“En definitiva, un ano máis o (S8) convértese nun punto de encontro e divulgación cinematográfica; nun espazo de aprendizaxe para os máis novos e tamén para os nenos; e tamén nun evento que volve pór de manifesto que A Coruña é unha cidade de cine, xa sexa como escenario, como líder en materia audiovisual ou como berce de grandes profesionais”, destacou a concelleira, quen concluíu: “Seguiremos apoiando ao sector audiovisual e traballando para que A Coruña convértase na capital cinematográfica do país non durante cinco días, senón durante todo o ano”.











