O roteiro de Donón abre o programa de ‘Sendeiros Rías Baixas’
A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova iniciativa ‘Sendeiros Rías Baixas’ para poñer en valor os sendeiros máis importantes da provincia. O programa consta de visitas guiadas gratuítas ao longo dos próximos meses sendo a primeira ao roteiro de Donón no Concello de Cangas o próximo 17 de maio.
A actividade comezará ás 10.00 horas tomando como punto de saída e de chegada a escultura da ‘Caracola’ no miradoiro da Costa da Vela. Os participantes percorrerán acompañados por un guía 7 quilómetros polo entorno do Monte do Facho, dentro de Rede Natura 2000 e declarado como Sendeiro Azul dende o ano 2012 facendo un recorrido circular pola fachada costeira fronte as Illas Cíes cun paisaxe espectacular das mesmas e cun importante valor histórico cos restos castrexos do santuario adicado ao deus Berobreo, un dos máis antigos de Galicia e recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia. Os camiñantes tamén poderán contemplar as saídas das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa así como a Illas Ons, que forma parte coas Illas Cíes do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Todas as persoas que desexen apuntarse poderán facelo na Oficina Municipal de Turismo ata o vindeiro mércores 13 de maio. Os participantes de fóra do municipio terán a súa disposición un autobús de 50 prazas para o seu desprazamento. Dende a Concellería de Turismo anímase a participar nesta iniciativa e gozar dun dos espacios naturais emblemáticos de Cangas e que constitúe un dos lugares máis fermosos de Galicia.











