publicidade hoxe

O rexedor de Teo garante o acceso á información para os edís da oposición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Diante das acusacións da concelleira do PSdeG-PSOE de negar información sobre o plan urbanístico da Ramallosa o alcalde de Teo, no nome do seu goberno, destaca que “este acceso está garantido, boa proba delo é que onte a edil socialista xa tiña a documentación solicitada, como consta no acuse de recibo asinado por ela mesma”.

En relación co período de exposición pública do plan de sectorización do polígono da Ramallosa dende a alcaldía quérese especificar que “en contra do que parece pensar Uxía este prazo non empezou a computar xa que o fará cando o anuncio se publique no DOG”. Unha vez publicado no Diario Oficial de Galicia comezará a contar o prazo dun mes de exposición pública. Cabe destacar ademais que dende hai semanas calquera persoa que se achegue ao Concello ten acceso ao documento do Plan de sectorización, “cuestión que choca coas acusacións de denegación de acceso á información da concelleira socialista”.

Aínda así o alcalde de Teo, Martiño Noriega, destaca que “unha cousa é contestar ás peticións socialistas e outra permitir que as súas reiteradas peticións de información paralicen os servizos técnicos e a xestión municipal”. “Uxía Lemus reitera nos seus comportamentos prácticas herdadas doutros portavoces socialistas anteriores que teñen amosado poucos réditos electorais” sentencia Noriega.

16 de maio de 2014 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.