O rexedor de Santiago, que acompañará aos 7 edís no xuízo, insiste en que se sente “apoiado” por Feijóo
O alcalde de Santiago, o popular Ángel Currás, confirmou que acompañará os sete edís que o próximo luns sentarán no banco acusados de suposto delito de prevaricación por aprobar, en Xunta de Goberno, o pagamento da defensa do concelleiro de Deportes, Adrián Varela.
Ademais, en declaracións aos medios, Currás manifestou que o grupo de goberno está “tranquilo” e afronta o xuízo “con enteireza e responsabilidade”, ao tempo que insistiu en que se senten todos eles “apoiados” polo presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.
Nesta liña, Currás mostrouse “confiado” na presunción de inocencia, e “neste caso máis” -apostilou-, “por suposto tamén na Xustiza”. O rexedor, que ratificou que tampouco foi chamado a declarar como testemuña por ningunha das partes, asegurou que tanto el como o resto dos concelleiros se senten “apoiados e arroupados” polo PPdeG e reiterou que a sensación dos edís imputados, cos que falou deste tema, é de “tranquilidade e confianza”.











