O rexedor de Ponte Caldelas comproba as obras do saneamento da Reigosa

Rexedor de Ponte Caldeas na visita ás obras
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, supervisou o avance das obras para a construción do saneamento da Reigosa na que a Xunta inviste máis de 700.000 euros na construción dunha EDAR e unha rede de saneamento con 5.800 metros de tubaxe e 171 pozos de rexistro.
Perfecto Rodríguez considera que o bo ritmo dos traballos permitirá que o saneamento entre en servizo, como estaba previsto, durante este verán concretando así un dos compromisos adquiridos polo alcalde de Ponte Caldelas cos veciños da zona e dá tamén cumprimento ao acordo alcanzado entre o rexedor e o propio conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (MATI), Agustín Hernández nunha reunión mantida en Santiago para abordar diversos temas de interese para o municipio.
En relación á obra vai moi avanzada a instalación da rede de colectores en gran parte do lugar, e nestas últimas semanas está a finalizarse a instalación das tubaxes na zona da Carrasqueira e na zona de O Campo. Durante os dous próximos meses finalizarase a instalación da rede de colectores en todo o lugar para permitir tamén a conexión do Colexio da Reigosa e a súa contorna. Unha vez finalicen esas obras, o Concello acometerá as conexións para as vivendas e construcións do lugar, co obxectivo de que antes de finalizar o verán os veciños da Reigosa poidan xa solicitar a conexión e contar co servizo de rede de sumidoiros.
Soamente detectáronse problemas para dous ou tres vivendas, nas que a súa conexión ao servizo dependerá de que consigan autorización para pasar as súas acometidas por leiras particulares. Así sucede coas vivendas da zona da Corredoira e con algún taller, pero que o Concello non pode resolver si os interesados non contan coas autorizacións dos propietarios das leiras por onde terían que realizar a súa conexión. Non obstante o Alcalde é optimista e espera que a gran maioría das vivendas e construcións poidan finalmente contar co servizo.
A EDAR BASÉASE NUN FILTRO BIOLÓXICO CON HUMIDAIS
Os traballos que están a piques de concluír prevén a instalación dunha depuradora, que se dimensionara para unha poboación de 314 habitantes, e que disporá de equipamentos prefabricados tales como arqueta de chegada de auga con reixa de desbaste, decantador, digestor primario, pozo de bombeo, leito bacteriano, humidais en paralelo e arqueta de inspección.
Esta depuradora reduce ao máximo o seu posible impacto ambiental xa que basea o seu proceso de depuración nun filtro biolóxico coa tecnoloxía de humidal. A pesar de que esixe máis superficie de terreo que un tratamento convencional, permitirá un elevado rendemento de depuración combinado cun moi baixo consumo enerxético, o que aforrará custos ao Concello como futuro explotador da infraestrutura.
Segundo Augas de Galicia, con esta tipoloxía de depuración permite que sexa unha aposta para a sustentabilidade ambiental e económica do rural galego. En concreto, a potencia necesaria para o funcionamento da EDAR da Reigosa será de 1 Quilowatt, menor que unha vivenda.
Segundo Perfecto Rodríguez, “esta obra axudará a mellorar a calidade de vida dos veciños do núcleo da Reigosa dotándoos do servizo de saneamento. Cando entre en funcionamento permitirá a eliminación de fosas sépticas que son importantes focos contaminantes, polo que se optimizará considerablemente a calidade ambiental da zona”.
É A MAIOR OBRA DE SANEAMENTO NO MUNICIPIO DESPOIS DA CONSTRUCIÓN DA EDAR DE PONTE CALDELAS
Perfecto Rodríguez lembrou a importancia orzamentaria deste investimento en infraestruturas para o municipio, en época de especial recorte e austeridade orzamentaria. “É un investimento moi importante para Ponte Caldelas, a segunda en relevancia en materia de saneamento despois da construción da EDAR que dá servizo á vila”, manifestou o alcalde.
O rexedor de Ponte Caldelas agradeceu tamén a colaboración veciñal, en especial da Comunidade de Montes da Reigosa, no que se refire á cesión dos terreos necesarios para executar esta importante obra e para a instalación da EDAR, así como ao conselleiro Agustín Hernández e á Xunta de Galicia por incluír estas obras nos seus plans de investimento.











