O rexedor de Ferrol renova o convenio de colaboración coa fundación de Exponav

Sinatura do convenio
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, renovou hoxe o convenio de colaboración que a Administración municipal mantén coa Fundación para o Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas – EXPONAV. Xunto con Rey Varela e o presidente da devandita fundación, o almirante Manuel Luís Garat Caramé; asistiron a este acto o xerente de EXPONAV, Jose María Cardona; e o edil Juan Fernández como un dos membros do padroado desta entidade. A contía económica deste acordo de colaboración ascende a 90.000 euros.
O rexedor municipal explicou que a través deste acordo o Concello de Ferrol colabora no mantemento e mellora da Exposición Nacional da Construción Naval así como da biblioteca, arquivo e sala de exposicións e conferencias das instalacións situadas no edificio de Herrerías. Neste sentido, Rey Varela destacou o carácter único en España que ten este museo permanente da construción naval, destacando que ademais é un aliciente máis da Ruta do Naval xunto ao Arsenal Militar e ao propio estaleiro de Navantia. Ademais, o primeiro edil da cidade lembrou que as instalacións de Exponav será unha das sedes do V Congreso Europeo de Turismo Industrial e da III Encrucillada de Camiños de Europa, que “farán de Ferrol capital internacional de turismo”.
Rey Varela avogou por continuar nesta senda de colaboración e entendemento entre o Concello e a Armada porque “Ferrol non se entendería sen a Armada e penso que podemos dicir que a Armada non se entendería sen Ferrol”. E, por último, animou a cidadanía a seguir coñecendo EXPONAV, que exercicio tras exercicio vai mellorando a súas cifras de visitantes. Así o ano pasado visitaron estas dependencias máis de 10.000 persoas –o que supón un incremento do 25% con respecto ao exercicio de 2012-. Soamente no último mes contabilizado de visitas –marzo- a cifra de visitas que recibiu EXPONAV superou o milleiro de persoas.











