O Recinto Feiral Estradense clausura a mostra de antigüidades e labores cunha importante afluencia de visitantes
Aínda faltando un par de horas para que o recinto feiral estradense clausure a 3ª Feira de Labores/2º Encontro de Palilleiras e a 44ª Feira de Antigüidades e Artesanía, a organización maniféstase satisfeita polo desenvolvemento do certame así como, pola afluencia de visitantes, ao longo destas dúas xornadas, sendo a de maior afluencia a do domingo como xa vén sendo tradicional en todos os certames que vén realizando o recinto.Mais de 4000 persoas visitaron o certame ao longo dos dous dias de duración da mostra.
O 2º Encontro de Palilleiras e a mostra de fiado tradicional, conseguiron aglutinar a máis de trescentas persoas, pertencentes a máis de trinta e cinco asociacións e agrupacións e demais participantes que o fixeron a título individual. O encontro e a mostra de fiado, contribuíron notablemente a dinamizar o dobre certame de promoción económica.
A Feira de Antigüidades, segue tendo un tirón moi especial dentro do recinto xa que, trátase dunha mostra plenamente consolidada e referente dentro do público amante do coleccionismo e as antigüidades en xeral. Os 2.000 m2 de espazo expositivo dedicado ás antigüidades, estiveron copados por firmas maioritariamente galegas e en menor medida por outras chegadas do resto do estado español, Portugal e Francia. Esta mostra, conta cunha fidelización de visitantes que a secunda edición tras edición.
Das enquisas realizadas pola organización á saída do evento, despréndese que a maior parte dos visitantes procede da provincia de Pontevedra, cun 64%, destacando os visitantes locais, cun 32%. En afluencia de visitantes, A Coruña achega un 31%, seguida xa a gran distancia polas provincias de Logo e Ourense.
O 41% dos enquisados, manifestaron ser a primeira vez que asistían a este evento, fronte ao 59% que xa o visitaron nalgunha outra edición. En canto ao interese espertado polos sectores representados, a palma lévanlla as antigüidades cun 36%, seguida polo sector dos labores cun 32% e a artesanía con outro 26%.
O 63% manifestou realizar algún tipo de transacción económica dentro do recinto. En canto á valoración do certame, o 83% mostrouse satisfeito, . O 96% dos enquisados, mostra a súa intención de volver visitar o certame en próximas edicións.