O Rallye Rías Baixas chega ao seu 50 aniversario como unha das mellores probas nacionais

Presentación do Rallye Rías Baixas
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación do Rallye Internacional Rías Baixas, que terá lugar nas comarcas de Vigo e O Condado do 29 ao 31 de maio e que este ano acada a súa 50ª edición.
No transcurso do acto, Lete Lasa felicitou á Escudería Rías Baixas, organizadora da competición, polo medio século de vida dunha das carreiras “máis senlleiras e a de máis longa traxectoria do automobilismo galego” e “polo intenso traballo dedicado para conseguir un certame á altura destas vodas de ouro e para que siga a ser unha das mellores probas do escenario nacional” a pesar das dificultades orzamentarias que na actualidade sofren este tipo de eventos de categoría internacional.
Así mesmo, recoñeceu o importante papel dos numerosos voluntarios que, un ano máis, se están a preparar para facilitar a boa marcha da competición. “Estes homes e mulleres son o mellor reflexo da mobilización e adhesión social que o automobilismo esperta en Galicia”, afirmou.
O titular de Deportes lembrou que, en resposta a esta adhesión social, así como á dedicación dos deportistas, das escuderías e da Federación Galega de Automobilismo, a Xunta de Galicia apoia ano tras ano este deporte nos seus orzamentos, que en su maior parte está destinado ás escuderías e que facilitará o desenvolvemento das diversas modalidades e competicións, como o rallye presentado hoxe.
Itinerario do Rallye Internacional Rías Baixas
A carreira, que sairá a tarde do venres 30 da Porta do Sol de Vigo, forma parte do Campionato de España de Rallyes de Asfalto 2014. Como nos últimos anos, a competición desenvolverase a dobre xornada, venres e sábado, sendo a principal novidade o percorrido do primeiro día, no que o tramo de Morgadáns substitúe á especial urbana do Monte do Castro de Vigo, disputada nas dúas últimas edicións.
O rallye consta de 10 tramos cronometrados que suman unha distancia de 180,28 quilómetros, mentres que a distancia total da proba é de 556,64 quilómetros. Ademais de Vigo, discorrerá polas localidades de Gondomar (Morgadáns), Nigrán e O Porriño (Chenlo) na xornada do venres, quedando reservados para o sábado os tramos de Fornelos, Ponteareas e As Neves. O sábado a partir das 7 da tarde, a rúa Príncipe de Vigo acollerá o parque pechado final da competición e a cerimonia de entrega de trofeos.
A participación nesta proba, a terceira que se celebra na presente tempada do campionato nacional tras a de Canarias e Sierra Morena, permite puntuar para as edicións de 2014 da Copa Suzuki Swift, da Beca RMC, da Mitsubishi Evo Cup e da Copa Dacia Sandero-Rallye Cup RFEDA.











