O presidente do CEC visita as instalacións do grupo de empresas que COGAMI ten en Santiago
O Presidente da Confederación de Empresarios de A Coruña, Antonio Fontenla Ramil, acompañado de integrantes do Comité Executivo da CEC, visitaron esta mañá as instalacións de COREGAL e GES, empresas que forman parte do grupo empresarial Galega de Economía Social, que conta cun cadro de persoal no que o 90% das persoas traballadoras teñen discapacidade.
A visita comezou ás 13:00 horas, tras finalizar a reunión que a comitiva mantivo co Alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás Fernández.
A visita foi dirixida polo Presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez Freire, unha entidade que forma parte de COGAMI e que está integrada por 19 empresas de economía social. O primeiro centro de traballo visitado foi a planta de xestión integral de residuos en COREGAL, onde traballan en Santiago 59 persoas. Esta empresa iniciou coa recollida de papel e cartón e actualmente dedícase tamén á recollida doutros refugallos como son os colchóns, plásticos e materiais orgánicos que van ser tratados para a súa posterior conversión e reutilización. O ano pasado, foron preto de 16 mil toneladas de residuos as que Coregal xestionou en Santiago.
O seguinte centro de traballo visitado foi GES, a matriz de Galega de Economía Social, que realiza labores de xestión e de calidade do resto das empresas que forman parte do grupo. En GES traballan 19 persoas con discapacidade que se encargan de establecer as liñas estratéxicas do grupo.
A última empresa visitada foi durante a tarde, tralo xantar desprazáronse ata Trameve, unha nave situada no polígono do Tambre que se dedica ao despezamento de vehículos sinistrados e fóra de uso, que conta con 13 mil metros cadrados de extensión e nela traballan 12 persoas.
CEGASAL
É unha organización empresarial sen ánimo de lucro que se constitúe en 1997 como entidade de referencia, defensa, promoción e representación das iniciativas empresariais de economía social, que ten por finalidade o fomento do emprego das persoas con discapacidade e/ou risco de exclusión social. Integra na actualidade a 19 centros especiais de emprego, o que representa a efectos de emprego a maioría dos existentes en Galicia, nos que traballan máis de 700 persoas con discapacidade. Cegasal forma parte da CEG dende o ano 2008 e da CEC dende hai uns meses.











