O presidente da Asociación Española de Comunicación Científica dirixirá un taller da Rede de Innovación de Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

Calvo Roy destacará a idea de que destinar recursos a comunicación é un investimento, non un gasto, así como a importancia de que as empresas confíen en profesionais da comunicación, especialistas con coñecementos específicos, para ocuparse destes temas. Durante a actividade, ademais de ofrecer unha breve explicación teórica, convidarase aos asistentes a redactar unha nota de prensa para entender as necesidades informativas dos medios de comunicación a través do traballo dos gabinetes de prensa. O taller está dirixido a profesionais de todos os sectores produtivos de Arteixo xa que se incluíu en itinerario “Ferramentas e solucións tecnolóxicas” dos talleres especializados que até setembro organiza en aberto todas as semanas a Rede de Innovación.

A sesión desenvolverase, como é habitual, no Centro Arteixo Innovación de 16.30 a 19.15 horas. As inscricións para asistir permanecen abertas no correo electrónico RedInnovacion_Arteixo@eoi.es, no teléfono 981 641 095 ou no formulario online da web da Rede de Innovación de Arteixo, accesible desde o seguinte enlace: http://ow.ly/wGoyv.

Currículo

Calvo Roy ten unha dilatada traxectoria profesional como xornalista científico. Entre 1982 e 1992 traballou como colaborador en diferentes revistas e xornais, case sempre escribindo de política científica, ciencia e saúde, aínda que tamén de temas culturais non científicos.

Desde 1992 até 1999 foi responsable dos gabinetes de prensa do Ministerio de Agricultura, da Secretaría Xeral da Enerxía e do Consello de Seguridade Nuclear. En 2000 creou a empresa de comunicación científica e ambiental Divulga, desde a que colaborou con artigos científicos en xornais, revistas e outros proxectos de difusión da ciencia, como redacción de guións para exposicións de museos científicos, documentais de televisión e impartindo cursos e talleres sobre xornalismo científico en diversas universidades de España.

Entre setembro do 2004 e abril do 2012 foi director de comunicación de Rede Eléctrica de España.

Promotores

A Rede de Innovación de Arteixo é unha iniciativa de apoio a emprendedores e empresas promovida polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI), cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

13 de maio de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.