O Porto de Vigo recibirá máis de 30.000 visitantes nun total de 14 escalas de cruceiro durante o mes de maio
A falta da escala o vindeiro sábado do buque FTI Berlin, o Porto de Vigo pechará maio con máis de 30.000 persoas nas 14 escalas de cruceiro que recibirán os peiraos olívicos ao longo deste mes.
Maio, xunto a setembro e outubro son os meses nos que o Porto de Vigo recibirá máis escalas de buques de pasaxe. Só entre os tres suman 49 escalas das 80 previstas pola dársena viguesa para este ano, nas que nos visitarán, aproximadamente, 250.000 persoas. Unhas cifras coas que Vigo manterá, un ano máis, a súa condición de líder de todo o norte e noroeste peninsular en canto a número de pasaxeiros.
Respecto da procedencia dos turistas que nos visitan, a inglesa continúa sendo unha das principais nacionalidades da pasaxe, con máis de 3.500 persoas, seguida pola alemá, con algo máis de 1.500 visitantes, e a estadounidense, con preto dun milleiro.
Última semana
Os últimos en visitar o Peirao de Transatlánticos serán a Costa Mediterranea e o FTI Berlin. Hoxe tocoulle a quenda ao buque de Costa Cruceiros. Procedente de Lisboa, chegou a Vigo ás 09.00 horas con máis de 2.000 pasaxeiros a bordo, que porán rumbo a Lle Havre sobre as 19.00 horas de hoxe
Pola súa banda, o FTI Berlin, popular por ser o escenario da versión alemá da popular serie de televisión “Traumschiff”, coñecida no noso país como “Vacacións no mar”, será o encargado de pechar o mes no Porto olívico en canto a escalas de cruceiro de refire. Procedente de Lisboa, a súa chegada está prevista ás 13.00 horas e a súa saída ás 19.00 horas, momento no que porá rumbo a Falmouth (Inglaterra), tras permanecer amarrado nos peiraos vigueses durante seis horas.











